30 de Junho de 2009

Bowie apagha o candil

Aquí temos ao señor David Bowie nos seus anos mozos, vestido de paxaro tolo gayer e cunha pinta a cabalo entre Bimba Bosé e a anorexia terminal. Chorradas de aspecto aparte, este temazo é un dos seus grandes éxitos, Starman:


Atendede aos minutos 1:20 e 3:00 especialmente.

Ok, se vos fixáchedes, nos minutos 1:20 e do 3:00 ao final hai un punteo de guitarra bastante básico que sirve de transición e final. A pregunta é sóavos de algo?? Exactamente! Bowie está apagando o candil! E se aínda non estades convencidos, voltade a eses minutos que sinalei da canción do inglés e tarareade por riba do punteo: apaga o candil, marica chus chus, apaga o candil que hai moita lus... ad infinitum.



Agora o de pelo vermello é King Africa. Nas pintas parécese, pero non no índice de masa corporal.

Plaxio? O camaleón do rock "inspirouse" na tradición popular galega? Pode que ficase o ritmo na súa cabeza logo de oirllo a un grupo de emigrantes polas rúas de Londres ou Manchester. Pode que sexa unha especie de melodía universal. O que non pode ser é que Bowie visitase Luar, porque hai moi poucas cousas que teñen máis anos que o programa de Gayoso, pero o bo de David é unha delas. A menos que viaxase no tempo, como facía o personaxe que o mesmo Bowie interpretou en Fire Walk with Me (David Lynch, 1992).

Polo pronto, aproveitando que está familiarizado coa tonada, sería boa idea que Bowie se viñese a Galicia no próximo Xacobeo, xa que nos deixou tirados no anterior. Aparte do concerto de turno, o de Brixton podería aproveitar para pasarse pola sala Dona Dana de Touro e marcarse un remix con Gayoso. Sería un momento estelar máis dos moitísimos que nos ten deparado este gran programa...

27 de Junho de 2009

A Torre, Patrimonio de todos nós


16:35 - Comezo a escribir este post mentres a xente da Unesco está reunida votando (por fin...). Aínda non é o turno da Torre de Hércules. Así que porei o título ao final, cando xa todos saibamos o que ocorreu.

Gustaríame que lle desen ese recoñecemento á Torre. Todos os chorbitos de Lacoru están agora case convencidos que será así. Non o tiñamos tan claro cando xurdiu a candidatura. Para comezar, é moi complicado que che dean o recoñecemente á primeira vez que te presentas. Ademais, en Galicia xa hai 3 Patrimonios da Humanidade (Catedral e Camiño de Santiago e Muralla de Lugo).

Pero claro, a Torre, como boa romana, sabe latín, e ten algo de trampa. É certo que conserva a mesma funcionalidade dende a época romana, cun lapso de dous ou tres séculos entre o XV e o XVIII en que foi restaurada. É certo que é un monumento excepcional e que o seu pasado e fundamento romano está ben documentado. Pero non é un faro romano. O edificio que vemos é unha construcción do XVIII, edificada, iso si, sobre as ruinas da Torre romana, que aguantou máis de 15 séculos.

A construcción actual é algo máis alta que a orixinal, e recolleu nas curiosas líneas inclinadas coas que o arquitecto da época quixo homenaxear á escaleira helicoidal exterior que servía para subir á antiga torre romana, de planta cilíndrica.

Para mín, persoalmente, a Torre ten tres valores fundamentais, por riba do aspecto exterior do seu edificio:
  1. O entorno: a zona que a rodea á Torre é dunha beleza salvaxe fabulosa que aínda hoxe se conserva en parte. As vistas dende o seu cume son fantásticas.
  2. O pasado histórico e mítico: pensar que ese promontorio leva 2000 anos ocupado por unhas pedras que guiaron no mar a tantos centos de mariñeiros, é abraiante. Dende as lexións romanas camiño de Britannia aos vikingos, rematando no Mar Exeo, todos foron iluminados polo faro. Forma parte do imaxinario colectivo e mítico da cultura grecolatina, a través da lenda de Hércules e da cultura celta, sendo o punto de partida para a conquista de Irlanda.
  3. O xerme da cidade: entre a Torre romana e o Castro de Elviña exténdese unha cidade que debería estar máis orgullosa do seu pasado antigo.
16:43 - Pasan os minutos e aínda non chegaron á Torre. Andan coas Minas de Alamadén a voltas. Estanse alongando coas votacións.

Cando no século XV a Torre ficou abandonada comezou a empregarse como canteira. Esta atrocidade é algo común na historia ata hai unhas decenas de anos. A xente, na loita por sobrevivir, non valoraba o patrimonio máis alá da utilidade. Tanto a Torre como a Muralla de Lugo seguiron servindo para o seu fin durante séculos, e quizais por iso seguen ahí. O Coliseo de Roma tamén foi empregado como canteira para construir os edificios do Vaticano. A Mezquita de Córdoba estropeada para insertar dentro unha igrexa. O patrimonio non só non se coidaba, senón que todo o que sonaba a pagán ou infiel era destruído pola clase dirixente católica intolerante.

As agresións á Torre non remataron no século XVIII, cando foi restaurada. Eu vivinas na miña breve existencia. Cando era eu cativo, a Torre contemplábase dende case todos os puntos da cidade, e concretamente dende a bahía de Riazor e o Orzán. Hoxe isto último é imposible. O urbanismo atroz cebouse coa cidade, e Sir Paco Vázquez, que nunca moveu un dedo pola Torre, permitiu que unha nova liña de edificios tapase a Torre dende as praias. Isto foi hai ben pouco. E ninguén dixo nada. Non hai como viaxar para darse conta que a obsesión destructiva coas alturas e a edificabilidade nesta cidade non é algo normal.

Os edificios que nunca se deberon construir. Do reloxo de pulsera horrible enfrente deses bloques "modelo Alcala Meco" xa non digo nada...

Xa antes o "Embudum" de Monte Alto restáballe protagonismo á Torre no skyline coruñés. E aínda hoxe seguen a construirse edificios demasiado altos demasiado cerca. En Santiago, os edificios axustan a súa altura para non impedir que as torres da Catedral se vexan dende calquera perspectiva ao chegar á cidade. Aquí, políticos e cidadáns non souberon nin quixeron defender a Torre que agora tanto parecemos apreciar.

16:50 - Os membros da comisión encerráronse para tomar a decisión definitiva sobre o grupo de candidatos que quedaron da mañá. Entre eles a Torre. Queda menos para escribir o título do post.

Sexa cal sexa ese título, só espero que de agora en diante a Torre e o seu entorno, así como o pasado e o patrimonio desta cidade reciba unha mellor atención, sen necesidade de que ninguén de fóra nolo impoña.

17:00
- A cousa está que ferve. Enzoufado agarda en primicia. Acaban de rexeitar a candidatura das Minas de Almadén de por un só voto.

17:07
- O Conselleiro fala dende María Pita. Isto xa é unha romería e todos queren levarse os méritos...

17:18
- Mecaghindiola, que algúns temos cousas que facer... A deliberación está durando moitísimo e ninguén sabe por qué. Ao parecer agora deciden se a candidatura rexeitada pode voltar a presentarse.

17:29
- Rexeitaron as últimas dúas candidatas. Parece que non lles gustou a comida. A ver cándo carallo lle toca á Torre. Disque é a seguinte...

17:37 - ZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZ

17:47 - Tres horas durou o debate anterior. Almadén poderá presentarse de novo. Agora é o turno da Torre.

18:05 - Tres horas durou o debate anterior. Agora é o turno da Torre.

18:26 - Pinta ben o tema. Todos os países están apoiando a candidatura.

18:28 - A TORRE É PATRIMONIO DA HUMANIDADE!!!!! NORABOA!


Noraboa a Xornal polo seu fantástico seguemento en twitter.

26 de Junho de 2009

Triste historia

Morreu Michael Jackson. Non sinto unha pena especial por el como persoa. Máis lástima me dá todo o que lle ocorreu previamente. Esa vida tan espectacular como patética de xoguete roto. Michael permitiunos ver o descenso aos infernos dunha persoa en directo, e con royalties de por medio. Un descenso no que pode que polo medio tamén mancase a outras persoas.

Aparte da súa triste historia persoal, está o legado musical. Tampouco quero pararme en iso. Nos seus discos había talento, si, pero tamén neles puidemos ver máis que nunca a maquinaria das discográficas a pleno rendemento. Na miña opinión, do mesmo xeito que esa industria de proporcións monstruosas fagocitou a súa vida, é difícil separar o seu éxito persoal do espectáculo de arredor. Ata que punto iso ía consigo? Non o sei.

Michael cando era Michael

O que realmente me causa tristura é que morreu un símbolo dunha época e especialmente da nosa infancia. Hai tempo que Michael era un esperpento con cara de ultratumba. Pero cando era pequeno recordo que estaba ata na sopa. Que todos escoitabamos a súa música e flipabamos cos seus videoclips. A miña primeira guitarra de xoguete tiña un debuxo seu co seu nome. E miña nai recórdame que cando era cativo, acostumaba a pensar que todo negro que saía pola tele era Michael Jackson. Pouco tempo despois a confusión sería imposible...
Sempre que morre alguén, o que máis doe é a perda daquel aspecto de nós que esa persoa representaba ou nos permitía desenvolver. Michael é un símbolo da nosa época que caeu. Pero xa hai moito tempo diso. Isto é só unha confirmación e, espero, o final dun angurioso sufrimento.

A pesar de que hai temas seus que me gustan, non quixen meter ningún videoclip porque sería mostrar á forza unha parte da súa explotación persoal e comercial. Non hai límite entre ambas. Non quero tampouco demonizar a ninguén: simplemente hai xente que está máis ou menos preparada emocionalmente para afrontar situacións difíciles. Michael non o estaba. Ogallá moitos pais aprenderan da súa historia e deixen de explotar (non ten outro nome) aos seus fillos en nome dos cartos, a fama ou, simplemente, de fuxir das súas propias frustracións ou inseguridades.

22 de Junho de 2009

Feliz Solsticio pagán

Dende sempre San Xoan é unha das miñas festas favoritas. De pequeno, xuntábase familia na miña casa para tomar unha sardiñada e prendiamos unha lumeirada. O lume ten ese efecto que é ao mesmo tempo hipnótico ou máxico e moi enxebre (o fume, o cheiro) e lle dá un toque especial á festa. Non era só iso: San Xoan marca o inicio do verán e, cun pouco de sorte, do bo tempo.

Segue a gustarme hoxe todo iso e máis cousas. Gústame que é unha festa moi "democrática": hai lumeiradas en cada barrio e sardiñadas na rúa en todos os bares. Semella que a xente toma as rúas. Tampouco falta viño (e cerveza, e xenebra....), e con sorte mesmo podes atopar pan de millo.


San Xoan mantén aínda ese aire tan enxebre pero ao mesmo tempo profundamente antigo e pagano que se afunde na noite dos tempos. De todos os festivais ígnicos (ou sexa, do lume) que abondaban na Antigüidade, o do solsticio de verán, Litha (actual San Xoán), é o mellor conservado e máis extendido. Pero había máis festas paganas en torno a unha fogueira: Beltane (a noite de Walpurgis), Samhain (Todos los Santos) e Yule (solsticio de inverno). Neles, os nosos antergos marcaban os cambios de ciclo e de estacións, co que iso supuña para a agricultura, ao tempo que se "purificaban" co lume sagrado para evitar enfermidades e promover a fertilidade da terra. Case todas as nosas festas "relixiosas" correspóndese con eventos pagáns deste tipo. As festas da Asunción da Virxe enguliron as antigas festas da colleita.
San Xoan é, a pesar do nome, a que menos enzoufou a Igrexa Católica, conservando toda a súa carga pagán e ancestral: comer, beber e bailar arredor do lume durante a noite máis curta do ano.

Moitos son os ritos e lendas relacionados con esta noite. Por mencionar algúns:
  • A orixe: os expertos non se poñen dacordo sobre o sentido das lumeiradas. Ofrenda ao sol ou símbolo purificador? A tradición popular galega incita a pensar o segundo (miña visaboa prendía unha cacharela e saltaba por riba tres veces logo de ver a un moribundo). Pero a coincidencia cos solsticios dá que pensar.
  • Hai historiadores que opinan que a tradición de queima de bonecos ou efixies pode sinalar un antigo rito de sacrificios humanos.
  • En Gales e certos países nórdicos críase que o visgo (muérdago) recollido a noite de San Xoán cunha fouce de ouro (como Panoramix...) provocaba soños proféticos. En moitos outros pobos hai tradicións que relacionan San Xoan con herbas máxicas. En Galicia é típico lavarse a cara o día seguinte coas "herbas de San Xoán".
  • Cando a festividade cae en venres, a tradición di que, poñendo unha moeda nun punto elevado da casa terás diñeiro e felicidade. Canto mellor a moeda e máis alta a poñas, mellor. Ollo con subir mañá á Torre...
  • San Xoan é un día propicio para que os seres malignos saian dos seus acochos e as bruxas celebren os seus aquelarres. Dise que se celebra un aquelarre cada San Xoán no monte Neme (sagrado, en lingua Celta), que é o que está xunto á praia de Razo, tirando cara Malpica.
  • Agora todos saben que San Xoán é unha noite bastante propicia para ligar. Pero hai que ter ollo. A lenda di que te casarás coa primeira persoa do sexo oposto que vexas logo da medianoite. Xa sabedes...
  • Se queres convertirte en bruxo, debes situarte completamente espido nun cruce de camiños e dar sete volteretas en cada unha das catro direccións. Non me fago responsable de escándalos públicos mañá na fonte de Catro Camiños...

E moitas máis que farían as delicias de Friker Jiménez. A maioría moi parecidas entre si, recordando a orixe común desta celebración.

O rito dominante actualmente difire un pouco dos comentados. Consiste en baixar á praia, buscar un oco no que sentarse a redor duns palés medio podres en chamas e proceder a castigar o fígado sen compaixón. Dise que o rito ten finalidade reproductora. Pero para se cumplir parece imprescindible mexar un mínimo de 10 veces na beira do mar, así como voltar á casa facendo "eses".

Paganismo moderno, non somos tan distintos dos nosos antigos. Sentidiño, enzoufádevos na area e Feliz Solsticio!

20 de Junho de 2009

Un aniño Enzoufado

Bueno, mirade como ando que ata se me pasou o primeiro aniversario de Enzoufado! Este pasado mércores 17 de xuño cumpriuse un ano do primeiro post do blogue. Estaba eu estudando para uns exames, circunstancia que, no meu caso, dáme moito tempo para pensar. Diversos acontecementos que me tocaron de preto naquel entón, fixéronme sentir a necesidade de dar a coñecer e de expresar a miña opinión sobre certos temas que me interesaban do noso entorno. Especialmente do entorno máis próximo: Galiza e Terras Coruñas.

Hai un ano, no post de presentación, escribín isto:
En canto á temática, polo de agora non se vai restrinxir nada. Obviamente haberá temas que se tratarán con máis frecuencia e atención (ciencia, medio ambiente, asuntos locais...), pero penso que é mellor que tanto este aspecto como o tono do blog se vaian definindo co tempo, e non a priori. Xa hai unha primeira lista de seccións, que irá medrando pouco a pouco.

No que si este blog estará claramente definido é nas coordenadas e nos puntos de vista adoptados. En primeiro lugar no que se refire ao espacio xeográfico: farase especial fincapé en cuestións relacionadas con Galiza (gústelle ou non o nome á RAG) e, especialmente, con Coruña e a súa bisbarra. Isto non quere dicir que non se traten temas globais, pero en moitas ocasións a perspectiva e a elaboración propia estarán máis orientadas cara esta esquiniña do mundo.
En segundo lugar, e aínda que non pretendo para nada facer un blog para nostálxicos, un non pode fuxir do que é, polo que haberá numerosos guiños para aqueles galegos e "curuñeses" nacidos nos 80, con todas as referencias pseudoculturais que iso implica.
Por último, buscarei sempre que a páxina teña un tono distendido, mesmo humorístico en ocasións, pero tamén reivindicativo e sempre atento a cuestións de xustiza social, tanto no que nos afecta a grande como a pequena escala. Hai que enzoufarse cos temas importantes!
Conseguín o que me propuña? Iso tedes que dicilo vos. Que opinades? Interésame o que teñades que dicir nese senso. Eu persoalmente síntome contento en liñas xerais pero son crítico con moitas cousas.

A idea segue sendo a mesma, a que dá titulo ao blogue: enzoufarse. Dar opinións, sen medo a que sexan politicamente correctas. Rirnos de nos mesmos. Ser críticos coa sociedade en que vivimos a través do debate e do humor. E desfrutar das nosas referencias (sub)culturais comúns. Pretendo que o humor sexa algo fundamental no blog, pero nunca quixen que fose o único. Debe haber espacio para outras inquedanzas. É un equilibrio difícil, pero non ten sentido para mín facer unha web exclusivamente de entretemento.

Que lle espera a Enzoufado de cara ao futuro?
Pois, na liña do que comentaba no parágrafo anterior espero mellorar un pouco o equilibrio entre o humor e a crítica social, de xeito que o blogue non quede a veces un pouco esquizofrénico. Tentarei centrarme en temas locais e, sobre todo, en ser constante co "tono" do blogue, o xeito en que está escrito. Se non se poden enzoufar un pouco, non ten sentido repetir unha vez máis os videos que xa colgou yonkis.com ou as novas que xa publicaron os xornais. Tentarei tamén seguir incluíndo algún contido de música e cinema, na liña de conectar coa cultura deste lugar e da "nosa" xeración. Penso que nisto último aínda hai filón por explotar, pero non é sinxelo facelo dun xeito minimamente orixinal. Espero tamén postear cunha periodicidade aceptable, pero vou primar a calidade sobre a cantidade. Comprobei que moitas veces os posts de recheo son un erro.

Este foi o meu primeiro blogue e, polo tanto, no transcurso do tempo aprendín moitas cousas e fun mellorando, pero como en todo houbo altos e baixos. Os que teñen ou tiveron un blogue saben o difícil que resulta ser constante, tanto no ritmo como na temática ou no tono.
Por outro lado, do mesmo xeito que fun aprendendo a xestionar o blogue e a seleccionar contidos que interesen á "audiencia", tamén me sentín a miúdo desconcertado polo desigual éxito de moitos posts. A continuación fago unha escolla dalgúns dos posts máis exitosos, intentando que sexa unha selección variada. Moitos deles levan tempo colgados nos Top 3.
  1. O post máis emblemático: Lendas Urbanas Coruñas.
  2. Enzoufado atopa unha mascota: Quinín.
  3. O post con máis participación da historia de Enzoufado: o recente debate sobre se os Coruños somos pechados ou non.
  4. O primeiro en chegar a 10 comentarios fíxoo a base de versións.
  5. Un post feito dunha arroutada cun éxito inesperado...
  6. ... e outro post moi currado con pouco éxito.
  7. Resaca electoral con participación masiva.
  8. Dúas semanas fóra supuñan un parón importante. Decidín sacarlle partido co neno cantor.
  9. Todos rimos coa depilación láser dos collóns.
  10. A nostalxia sempre funciona. O Capitán Planeta logrou moitos comentarios no seu momento.
Sempre nos acordamos dos posts exitosos, pero poucas veces dos que saen mal. Moitas veces agardabas mellor acollida. Tamén ocorre que un post pode gustar pero xerar pouco debate. Como hai que enzoufarse, afrontemos os fracasos:
  1. Ciencia e cine II.
  2. Muiños no mar.
  3. Monty Phyton's Flying Circus.
  4. Ansar goes to the white house.
  5. Wolfram.

Tempo atrás pensei en aproveitar este aniversario para fuxir da plataforma blogger. É algo que sopesarei durante o verán, xa que non me convence en moitos aspectos. Pero, a curto prazo, seguiremos aquí facéndolle o xogo a Google.

O que si debo facer é trasladar o meu agradecemento á xente que me apoia ou que nalgún momento mostrou interese por Enzoufado. Un blogue faise para un, pero de non sentir que a alguén máis lle importa/divirte, deixa de ter sentido. E eu podo gabarme de contar, sobre todo de medio ano ata agora, dun grupo de seguidores e de blogues amigos bastante fiel e estable, que contribúen nunha medida altísima a facer esta páxina e os seus posts máis interesantes. Como celebramos o primeiro ano, acordareime sobre todo daqueles que estiveron dende os comezos: FM, Princi, pataka, ReBr0, Marcus, erik e...diversos anónimos. Grazas de verdade!

Así que nada, saúde a todos, unha aperta especial aos que xa estaba aquí hai un ano e... Let's Enzoufing!