23 de junho de 2008

Sacando peito da mediocridade

Hai problemas medioambientais de difícil solución. Nalgúns casos frear o dano ao medio supón afectar a actividades económicas vitais para unha rexión ou un país, investimentos enormes, medidas a moi longo prazo ou grandes avances tecnolóxicos. Por iso non hai escusa para que certos detalles sinxelos e obvios con forte impacto medioambiental non se traballen axeitadamente.

Este é o caso das bolsas de plástico. Cando, nos anos 70, comezaron a usarse estas bolsas, eran un sinónimo de progreso: baratas, cómodas... Un auténtico choio para as tendas e as empresas, que nos convertiron en cartaces andantes. Agora, case 40 anos despois e con 1 billón de bolsas en circulación polo planeta, o uso de bolsas de plástico é sinal de atraso.

As bolsas de plástico están elaboradas a partir de polímeros de plástico non biodegradables, isto é, que as bacterias que normalmente descompoñen os materiais non poden actuar sobre elas. Só bacterias moi específicas poden eliminar estas bolsas do medio, e para iso precisan unha media de 500 anos, durante os cales este material permanece practicamente inalterable. O plástico obtense a partir do petróleo, de xeito que co uso destas bolsas se contribúe ao seu esgotamento. Ademais, na súa elaboración é necesario emitir gases de efecto invernadoiro.

Cada persoa emprega de media 150 bolsas ao ano. Este material contaminante, non sostible, non degradable e prescindible remata nun 90% dos casos en vertedoiros. A pesar de que ocupan un volume pequeno, a grande cantidade de bolsas de plástico depositada unida ao feito de que son arrastradas polo aire, fai delas un verdadeiro problema a nivel de residuos. Suponse que unha grande cantidade das bolsas que van aos vertedoiros rematan no océano, producindo unha gran mortalidade entre os animais mariños.

Como sempre, moitos destes problemas son moito máis graves en países do terceiro mundo, onde a recollida de lixo e os sistemas de limpeza funcionan aínda peor que aquí. En Bangladesh por exemplo levar unha bolsa de plástico na man é motivo de multa, e fabricala un delito. Isto é a consecuencia de reiteradas catástrofes en forma de crecidas e inundacións provocadas pola acumulación de bolsas en ríos e alcantarillas, nas que houbo gran número de víctimas.
Son xa moitos os países nos que hai décadas que os establecementos de alimentación empregan bolsas de materiais alternativos como o papel. Países como Irlanda crearon unha taxa que obriga a pagar unha taxa de 15 céntimos por empregar unha bolsa. Existen alternativas limpas e viables neste campo: plásticos "biodegradables" (non che sei...) ou novos materiais como as bolsas de almidón de millo.

POR TODO ISTO, non sei ben como saudar a iniciativa de Eroski de sacar tres tipos distintos de bolsas reutilizables e premiar ao consumidor polo seu uso. Por unha parte apetéceme felicitalos, pero pregúntome por qué. Por non ser tan sumamente cabróns como os demais propietarios de cadeas comerciais, senón un pouco menos?? Pois quizais nin iso, porque acompañando a esta medida hai unha campaña promocional na cal Eroski parece pouco menos que o sustituto de Green Peace. E eu considero que fachendear dese xeito por tomar unha medida tan sinxela con anos de retraso non merece premio algún.

Convén tamén recordarlles aos señores de Eroski que o compromiso co medio ambiente afecta a TODO:
- Videolink Cantizano en Noia: "me viene toda la mierda del Eroski".

LINKS:
- Eroski lanza tres tipos de bolsa reutilizable y premia la no utilización de la bolsa tradicional.
- Stop a las bolsas de plástico.




Saúde e feliz San Xoan!

4 comentários:

Anônimo disse...

Nos Estados Unidos as usan de papel todo o mundo o sabe e haiche paises nos que iso de levar a bolsa de tela da casa e o mais normal do mundo, pero nós so nos americanizamos para o q nos interesa...
Xa ves ti!!!

Anônimo disse...

Un saudo Turu. Son Principinho.
Cando teña tempo xa te comentarei cousas sobre este blog.

Noraboa, está moi chulo.

Anônimo disse...

Ainas de da corteza de pataca e parece que vanse implantar a tutiplen. Problema: por agora as mais baratas son as de plástico.

Animaliño disse...

AVISO PARA TODOS: para poñer un nome sen complicación nos comentarios, seleccionade a opción "Nome/URL" que aparece máis abaixo. Só che pide que poñas un nick. Permite engadir unha dirección web pero é opcional. Así sei quen sodes ;).

Postar um comentário

Por favor, poñede un nick nos comentarios. É moi sinxelo: seleccionade "Name/URL" na pestaña de abaixo e logo escribide o nick co que queirades comentar.

Se xa tedes conta en blogger seleccionade na pestaña "Google account" e listo, xa fai el todo ;).

Graciñas!