14 de novembro de 2008

Por que o noso mundo é verde?

Habería que matizar o título do post. Primeiro, porque se falamos da Terra, a cor dominante é o azul. E segundo, porque cada vez hai menos verde na súa superficie. Pero sen dúbida o verde é a cor que denota a presenza de vida, por iso o adxectivo "noso".

Imaxe de de Sudamérica obtida a partir da unión en mosaico de fotografías dun satélite NOAA cun sensor radiométrico AVHRR, que permite explorar as franxas visibles e invisibles do infravermello. É notable o ben que se aprecia a conca amazónica simplemente a partir da intensidade da cor verde.

A resposta pode parecer obvia, dependendo do grao de profundidade co que se queira analizar. O primeiro que se lle ocorrería a calquera é respostar que o verde é a cor da vida porque é a cor da vexetación que forma a base da meirande parte das cadeas tróficas. E sería unha resposta correcta.
Pero por que a vexetación terrestre é verde? De novo é sinxelo: as plantas xeran o seu alimento a partir de compostos minerais, CO2 e auga. Durante a fotosíntese é imprescindible a presenza dunha sustancia chamada clorofila, que é sensible á exposición da luz, captando a enerxía dos fotóns e obrigando a liberar electróns á auga. Dá a casualidade que a clorofila é un pigmento de cor verde, polo que a súa concentración nas follas e talos dá lugar á coloración. Morra o conto.

Tecido vexetal no cal se poden observar claramente os cloroplastos tinguidos coa cor verde da clorofila

A partir deste momento a cousa ponse interesante. Acaso a presenza de clorofila é obrigada na vexetación? Pois non, non é unha condición necesaria, existen outros pigmentos fotosintéticos na natureza. Pero sen embargo na superficie terrestre a clorofila manda. Non ocorre así no mar. Precisamente as algas pluricelulares clasifícanse en tres grandes grupos dependendo da súa cor (ou mellor dito, da cor do seu pigmento fotosintético): algas pardas, vermellas e verdes.
No mar o verde non é a norma, senón parte do mosaico. Entón por que na Terra si? Isto é especialmente relevante se temos en conta que a orixe da vida e, polo tanto, dos primeiros vexetais, está no mar e foi moi posteriormente que conquistaron o medio terrestre.

Algas verdes (Bastiagueiro!!). Son a especie máis extendida como colonizadora. Pero só o 10% das especies de algas verdes están no mar. O resto son de auga doce


Algas vermellas. Este tipo é o que conta con maior diversidade no tocante á súa estructura


Ao contrario das anteriores, as algas pardas son sempre pluricelulares. Son as que forman "bosques" submariños, coma os archicoñecidos bosques de Kelp.

Nas dúas primeiras aproximacións, a resposta era de tipo determinístico. Causas e consecuencias están relacionadas por forza (vexetación->verde->clorofila). Pero agora ese razoamento deixa de ser válido. Acaso as algas verdes están mellor dotadas polo evolución que o resto para expandirse con máis éxito? Loxicamente non, boa proba é que os tres tipos están moi presentes nos nosos mares actualmente. Se houbese un desequilibrio, hai tempo que as especies en inferioridade se terían extinguido. Entón cal foi a clave para que unhas e non outras conquistaran as costas e logo o resto do planeta?

A resposta é a sorte. As algas verdes deron orixe á vexetación terrestre porque foron as primeiras en facelo. Dende que unha poboación de algas en augas costeiras se propagou pola costa, colleron unha vantaxe evolutiva insalvable xa para o resto. Chegaron antes e se quedaron, sen máis. Pero o feito de que gañasen esta "carreira" resposta unicamente a un dos factores máis importantes (senón o que máis) e moitas veces esquecido da realidade: o azar.
Bioloxicamente, tería sido igual de factible que, por exemplo, fose unha poboación de algas vermellas a que conquistase terra firme. Entón o vermello xa non sería para nós a cor do perigo. A contemplación dunha paisaxe encarnada nos resultaría relaxante, mentres que a cor verde provocaría a alerta dos nosos sentidos.

Atopei un texto sobre este tema hai xa un tempo nunha revista científica e interesoume moito polo que ten de revelador. Ante unha realidade que non comprende, o home sempre buscou respostas sinxelas e unívocas que lle permitisen entender mellor o que ocorre e, sobre todo, soportar o peso insoportable da incertidume. Así se fai hoxe en día cando se recurre á relixión para atopar consolo ou ás cartas do tarot para tomar decisións difíciles. A ciencia tamén pecou de querer reducir a realidade a leis e fórmulas que desen unha única resposta para cada acontecemento. Pero as propias matemáticas nos ensinan que moitas veces é imposible dar unha soa solución.
Se calculamos os parámetros de temperatura ou velocidade do fluxo turbulento dun fluído varias veces con exactamente as mesmas condicións e datos, daranos resultados diferentes de cada vez. Hai un grao de liberdade que se escapa aos datos da ecuación. Estamos rodeados pola incertidume: na física, na bioloxía (recordemos que a base da evolución é a mutación aleatoria dos xenes co paso de xeracións) e nas nosas propias vidas.

Fenómenos tan importantes, habituais, coñecidos e estudados coma a turbulencia dun fluxo son, por definición, impredecibles. Podemos coñecer as propiedades medias (no espazo ou no tempo) dun fluxo turbulento, pero é imposible, por moito que avance a técnica, determinar con total certeza cal será o recorrido de cada molécula de materia.

É duro asumir que feitos como a aparición da vida, do universo ou da nosa especie respostan a unha combinación de factores suxeitos ao azar. É duro pensar que, en lugar dos protagonistas da peli, somos as sombras caprichosas que forman as enrugas do telón. Sentiríamonos máis seguros e tranquilos se non fose así. Temos unha necesidade imperiosa de buscar un sentido a todo, o cal é lóxico por mera supervivencia. Estamos programados para convertir o habitual en norma (que as cousas caen cara abaixo, por exemplo), desprezando os casos extraordinarios. Grazas a iso acumulamos saber e experiencia. Pero por iso mesmo nos costa moito asumir que a resposta a moitas preguntas básicas non é única, e depende de conceptos tan intranquilizadores como casualidade, caos ou azar.

5 comentários:

Anônimo disse...

A mín o que me gustaría saber é por qué hai tanto parvo madridista en Galicia ¿Serán os cloroplastos, o polo con hormonas, ou a auga que bebemos? XDDDDD Brilante artículo, coma sempre. Parabéns ;) FM67

Animaliño disse...

XDDDDDDDDDD
Iso non o explica nin a teoría do caos!
Grazas, boto de menos novidades no teu estupendo blog. Por certo, xa teño "Vida e destino" nunha edición convencional. Menudo tocho!

Anônimo disse...

simplemente genial...

Pataka disse...

Gustoume o artigo. Moi didáctico.

Un saúdo

Anônimo disse...

Por certo, na foto de sudamérica fíxate nas desembocaduras do Amazonas ou do Río da Prata na Arxentina: parece que non hai auga, que é coma un inmenso banco de area... Flipante
Saúdos, FM67

Postar um comentário

Por favor, poñede un nick nos comentarios. É moi sinxelo: seleccionade "Name/URL" na pestaña de abaixo e logo escribide o nick co que queirades comentar.

Se xa tedes conta en blogger seleccionade na pestaña "Google account" e listo, xa fai el todo ;).

Graciñas!