20 de novembro de 2008

Wolfram: o coltan galego

O anterior post quedárame quizais un pouco longo demais, así que decidín partilo en dous e falar neste do tema da explotación do wolfram en Galiza, que non sei se viña ou non a conto do outro, eu penso que algo si, pero ten un tono bastante menos doloroso. Os valentes que xa o líchedes onte enteiro podedes aforrarvos o esforzo ;).

O post de onte sobre o coltan recordoume a algo que pasou aquí hai moitos anos. Resulta que a finais dos anos 30 atoparon xacementos de Wolframio en certas zonas de Portugal, León e Galiza. O wolfram non era extraído en condicións nin lonxanamente parecidas ás que acabamos de coñecer para o coltan. De feito moitos se deron cun canto nos dentes ao ver a riqueza que agachaba o seu campo de patacas. Pero o fin para o que estaba destinado era tamén terrible: a España franquista mandaba o mineral en bruto á Alemaña nazi, en plena II Guerra Mundial, onde era empregado pra fabricar armas, especialmente blindaxes para os tanques. Esta colaboración foise ocultando gradualmente segundo os nazis levaban as de perder na guerra, pero a explotación continuou ata aproximadamente 1944.

Mina de wolfram en Casaio, Ourense, alá por 1939.

Algúns alemáns viñeron aquí a supervisar as extraccións. Mesmo montaron unha empresa de capital alemán chamada Montes de Galicia. A man de obra normalmente era de xente do lugar, aínda que en certas explotacións grandes chegaron a mandar a presos de guerra a facer traballos forzados.
Onde vivía miña avoa, en Noia, non había grandes xacementos. Eran pequenos pozos a ceo aberto. Non hai moito que ocorreron algunhas desgracias por culpa de pozos mal sellados e cubertos de maleza nos que caeu xente.

No meu caso, a explotación do wolfram en Noia foi providencial. Meu avó, que traballaba de camioneiro en Coruña, foi contratado para recoller mineral en Noia e levalo a cargar ao porto. Nunha das súas estancias coñeceu a miña avoa. Así que, en certa maneira, dévolle a miña existencia a esa W da táboa periódica.

Papá!!

Marcando as distancias pertinentes, estes acontecementos deberíannos facer recordar que non hai moito eramos nós os que sacabamos minerais para unha despiadada potencia extranxeira. A nosa sobervia e indiferencia de habitantes do primeiro mundo (ao que chegamos antonte, como quen di) non só é inxusta cos nosos veciños do Sur, senón tamén cos nosos avós e visabós que dobraban o lombo para sachar na leira coa esperanza de atopar wolfram.

2 comentários:

Pataka disse...

Papá!! xDDD. Ultimamente xa non podo repartir xa que estás a tratar a miña temática preferida no mundo blog, as curiosidades científicas. Os que traballan na mina, son doutra pasta.

Recomendovos un documental sobre as peores profesións do mundo: Workingmans Death 2005
Impresionante a parte na que aparecen os recolectores de xofre.

Un saúdo.

Animaliño disse...

Nun libro que me agasallaron uns amigos sobre a mafia ;), comentábanse as horribles condicións da recolección de xofre hai menos dun século nas montañas do centro de Sicilia. Precisamente perto de Corleone. Na costa había unha rica agricultura de cítricos e legumes, pero no interior (e iso comprobeino eu este verán) só se dá o cereal. Nas minas de xofre mozos e NENOS traballaban totalmente espidos e contraían enfermidades por inalación de gases tóxicos. Ademais, estaban suxeitos aos abusos dos capataces e dos mafiosos que se fixeron co control do negocio. Horrible.

Postar um comentário

Por favor, poñede un nick nos comentarios. É moi sinxelo: seleccionade "Name/URL" na pestaña de abaixo e logo escribide o nick co que queirades comentar.

Se xa tedes conta en blogger seleccionade na pestaña "Google account" e listo, xa fai el todo ;).

Graciñas!