31 de março de 2009

Ciencia e cine (I)

Onte asistín a un zapping científico sobre o impacto e a utilización da teoría da evolución de Darwin nos medios audiovisuais (cine, televisión, publicidade...), que tivo lugar na Domus, como parte do programa Luns con ciencia dos Museos Científicos Coruños. A actividade consistiu nun coloquio acompañado de proxección de videos, levado a cabo por Martin Pawley, José Manuel Sande (moderador) e Ernesto Carmena. Cara o final, houbo un breve pero interesante debate coa participación do público.


Destaco de xeito moi resumido algunhas das conclusións deste encontro que máis interesantes me resultaron (e animo a calquera outro que fora a que aporte a súa opinión):
  1. A vida e a actividade dos científicos está sorprendentemente olvidada pola industria cinematográfica. Resulta chamativo que figuras mediáticas e de repercusión universal como Einstein ou Darwin carezan dunha presenza minimamente destacable no celuloide. Non se mencionou, pero eu só son quen de recordar o caso de Unha mente marabillosa como exemplo de película para o gran público centrada na figura dun home de ciencia, por certo, moi particular. En xeral, os científicos foron presentados sempre como persoas estranas, alleas á sociedade. A partir da II Guerra Mundial, a impresión producida pola bomba atómica fixo que a percepción xeral dos científicos no cinema fose a de personaxes perigosos e insensatos con respecto á repercusión dos seus descubrimentos.
  2. No que atinxe á teoría da evolución en xeral e á evolución humana en particular, o tratamento audiovisual deixa moito que desexar. Non se salvan nin os documentais. Entre os erros máis comúns está o de dotar dunha aparente linealidade e finalidade ao proceso evolutivo, coma se estivese dirixido a un fin. A realidade é que se trata dun proceso tremendamente ramificado e aleatorio.
  3. Atopar filmes que sexan minimamente coherentes cos fundamentos científicos da evolución e dos antepasados humanos é tarefa complicadísima. Mencionouse En busca do lume como un exemplo de cine cientificamente coherente. Isto non quere dicir que o que alí se representa teña que ser parecido ao que realmente acontecía, senón simplemente que se puxo certo coidado en crear unha ficción acorde con certas teorías e suposicións sobre o noso pasado. A maioría do cine que trata estes temas simplemente busca o efectismo, para o cal non dubida en pasar por riba dos fundamentos científicos máis básicos.


Sobre este terceiro punto ábrese unha cuestión moi interesante que plantexou Pawley. Realmente podemos considerar que as imaxes son inocentes? É evidente que non podemos tratar por igual a un producto de entretemento que a un documental para escolares. Pero, en calquera caso, ata que punto o poder da imaxe pode chegar a alterar ou modificar a nosa "cultura científica"? Puxéronse varios exemplos que me chamaron a atención:

- Cómo é posible que todos traguemos co final de O Planeta dos Simios? O señor Heston aceptaba perfectamente que no planeta ao que chegou houbese plantas e animais (incluíndo seres humanos) idénticos aos da Terra, pero só cando ve a Estatua da Liberdade, percibe que se encontra no seu planeta natal. En realidade, a posibilidade de que uns extraterrestres reproducisen dita estatua e infinitamente maior que a de que a evolución da vida fose exactamente igual que na Terra. Como ben dixo Ernesto, no momento en que Heston ve un piñeiro ou unha planta de millo, non debería dubidar por un segundo que se atopa no noso planeta.



Tanto ver Star Treck acabou por facernos crer que é posible un universo cheo de seres humanos que se diferencian por minucias como orellas puntiagudas ou crestas. En realidade, nos estamos a deixar levar polo noso antropocentrismo, xa que é imposible que, de existir vida intelixente en outros planetas, o seu aspecto sexa lonxanamente similar ao noso.

- Son moitas as pelis (e mesmo documentais, como se puido ver) nos que o nacimento dunha especia se produce de xeito illado nunha soa xeración: Heroes, X-Men, Waterworld... Eres unha persoa normal e de repente tes un fillo mutante. E non só iso, a mutación non o fai nacer con dous pés esquerdos ou con capacidade para dixerir a celulosa, senón que ademais son mutantes dos que molan: con superpoderes.
En realidade, os cambios nas especies só ocorren a nivel de poboacións enteiras e durante centos de xeracións. Se eu fose o pai de Kevin Costner en Waterworld e tivese un fillo con branquias, miraría de reollo para o lorcho favorito da miña muller, en lugar de tragarme leccións de ciencia barata.

- En moitas pelis sobre a prehistoria os "cavernícolas" aparecen peiteados e afeitados. Pelexan contra dinosauros e demais criaturas que viviron millóns de anos antes. Sen embargo, os moi parvos non saben máis que emitir sons guturais. Sen embargo, o feito de que os nosos antepasados tivesen algún tipo de fala é máis que probable, mentres que a súa coexistencia cos dinosauros só é defendida por 4 tarados de Wisconsin.

E engado eu unha reflexión miña particular para rematar: por que os trogloditas das pelis e documentais adoitan aparecer suxos e cheos de merda cando os monos actuais van máis limpos que un perroflauta?
Como no caso anterior, creo que tendemos a pensar, inconscientemente ou non, que todos os que viviron no pasado foron máis parvos, brutos e suxos ca nós. Ás veces dá a impresión de que para caracterizar a un home primitivo, os responsables de vestiario e maquillaxe baséanse antes nun sen teito dunha cidade actual que nun gorila ou nun indio do amazonas.

Hai tempo que tiña pensado escribir sobre ciencia e cine, pero este comentario xa é grande demais e agora non teño folgos. Prometo retomar o tema e poñer a parir a Star Wars ben pronto.

8 comentários:

LEMOS 1923 disse...

Xa sabes que a vida corrente está chea de estereotipos qu non son certos na súa maioría. O cine o que fai e tomar nota e reproducir eses estereotipos no cine.
Por certo, marcácheste un puntazo coa canción de Fatboy Slim, canción mítica onde as haxa e o videoclip e boísimo, esa canción usábana hai anos nas finais de fútbol para a saída dos xogadores ó terreo de xogo.
Por certo, creei un novo blog, "Salir en Coruña que bonito es", blog no que comentarei os locais de ocio coruñeses ó estilo garitos deluxe que facía no meu blog. Se queres ser administrador do blog ávísame no meu blog en comentarios. A dirección do blog é: salirencoruña.blogspot.com

Animaliño disse...

O que fai o cine é tomar o que lle interesa da ciencia e obviar por completo aquilo que lle complica a vida. Pero ás veces é chamativo cómo temos todos instalados certos clichés sen base ningunha.
O do videoclip non é inocente: proxectouse antonte no acto como exemplo de modelo lineal de evolución, con transformacións abruptas e dirixido cara un fin: o home (ghordo ademais XD). Aparte diso, é un pedazo de videoclip e un temazo.
Xenial o do blog, apúntome xa a esa iniciativa.

LEMOS 1923 disse...

Creo que me tes que aceptar a invitación que che deixei no blog. Si eso accede a túa conta e mira se tes algo por ahí. Se non avisa.

Antón Pérez disse...

Moi bo post! Gustoume, de veras :-) Sobre todo o de "por que os trogloditas das pelis e documentais adoitan aparecer suxos e cheos de merda cando os monos actuais van máis limpos que un perroflauta?"
Dous comentarios cinematográficos:
- Peli con Einstein: "El Genio del Amor"; o físico, axudado polos seus amigos vello científicos tolos simpáticos, tenta liar a súa sobriña cun rapaz.
- Peli de m**** (ou como tirar os cartos ao lixo): "10.000" (10.000 paus merecía o que a fixo); un apaixoante revoltallo de homes das cavernas, aves prehistóricas, hunos, exiptos construindo as pirámides con ¡mamuts! e (tachán, tachán) extraterrestres...

LEMOS 1923 disse...

Por certo, ¿qué é un perroflauta? Mí no entender...

Animaliño disse...

@Antón: sei de qué peli falas. Se non recordo mal o prota era o gran Walter Mathau. Pero non se pode dicir que a temática sexa científica...usan a Einstein como poderían ter posto a un fulaniño vestido de Cupido.
De todos xeitos, manteño que me resulta inexplicable que haxa figuras do deporte con moitas máis pelis sobre a súa vida que un personaxe tan apasionante e controvertido como Einstein. Ou Newton. Ou Darwin. Ou Galileo. Ou Copérnico... Non son ratas de biblioteca, son xente que dá xogo. Einstein ía as festas de Marilyn Monroe. Zoscáballe á muller. Tivo que fuxir dos nazis... Menuda vida. Xa non digo nada das viaxes de Darwin ou a persecución de Galileo por parte da Igrexa.

@Lemos: dise daquela persoa de vestimentas características (roupa de cáñamo, mallas, camisetas vellas, gorritos...) que, normalmente acompañadas dun ou varios cánidos, practican polas rúas das cidades actividades tales como: diábolo, tocar a flauta, fumarse...

LEMOS 1923 disse...

Ta ben, eu a eses simplemente os coñecía por "fulano ese", "gicho", e cousas desas, xa me entendedes.
Tereivos que facer caso no das pelis. Para un inexperto na materia como son eu, lervos é un pracer. Eu de extraterrestres desde Mars Attacks perdín o fío. Non me fagades moito caso jaja.

Princi disse...

Imaxina que o final de "El Planeta de los Simios" mostra a Charlton Heston collendo unha amapola e dandose conta que está na terra. Non tería ningñun impacto cinematográfico, en cambio o final real da peli si, é simplemente iso. Non penso que tome por tonto a ninguén nin que se lles colase algo tan obvio como o que dicía Ernesto Carmena e ti reproduces aquí.

Postar um comentário

Por favor, poñede un nick nos comentarios. É moi sinxelo: seleccionade "Name/URL" na pestaña de abaixo e logo escribide o nick co que queirades comentar.

Se xa tedes conta en blogger seleccionade na pestaña "Google account" e listo, xa fai el todo ;).

Graciñas!