8 de abril de 2009

Cine e ciencia (II)

Antes que nada desculpade a falta de actualización. Este ritmo cansino seguirá unha semana máis, xa que mañá marcho para Berlín durante uns días. Hei de falar do que verei alí. Á volta prometo aplicarme un pouco máis coa marcha do blog. Mentres tanto, vou retomar o tema que comezamos a semana pasada.

Falabamos de cine e ciencia, e centrámonos no tema da prehistoria e da evolución en xeral e a evolución humana en particular. Queda moito por dicir sobre estes temas, sobre todo no referente ao tratamento dos dinosauros nas películas. Pero para cambiar un pouco a temática, hoxe voume centrar máis no cine de ciencia ficción e en tres aspectos fundamentais nos que a súa relación coa ciencia tórnase conflictiva: analfabetismo numérico, analfabetismo biolóxico e analfabetismo físico.

Anumerismo
Todos acostumamos a perdernos cando falamos de números grandes. Os guionistas de Hollywood tamén. Vexamos algún exemplo:
  • Independence Day (Roland Emerich, 1996): "los alienígenas vienen de un planeta situado a 90.000 millones de años-luz de la Tierra". Manda carallo, iso non é baixar a mercar o pan á esquina. Os bechos saíron hai 90.000 millóns de anos (supoñendo que se moveron á velocidade da luz, que é a máxima que se pode acadar) para chegar agora á Terra, que só existe dende hai 4.600. Menudo paseo. Por outro lado, ese suposto punto de partida atópase máis alá dos límites do universo coñecido (por certo, vense de publicar recentemente un mapa do mesmo). Vamos, que os guionistas botaron por fóra, como se soe dicir.
  • Armageddon (Michael Bay, 1988): neste caso é Bruce Willis quen di "de los seiscientos mil millones de habitantes de la Tierra, me han tenido que escoger precisamente a mí". Ufff, a menos que esté a contar as formigas, pasouse un chisco. Concretamente contou 100 veces máis gichos dos que hai actualmente no planeta. E non, non é un erro de dobraxe polo tema do billón americano, que en realidade é mill millóns.
  • Hace un millón de años (Don Chaffy, 1966): nesta peli a prehistoria serviu de excusa para mostrar a Raquel Welch en biquini de mamut. Homes e dinosauros campaban pola Terra como se tal cousa. Efectivamente, hai un millón de anos xa había homínidos, pero había moito que se extinguiran os pobres dinosauros. Pero o mellor é o título orixinal: One million years B.C. A ver, señores, cando falamos dun millonazo de anos, importa moito que sexa Before ou After Christ?


Fallos biolóxicos
É habitual ver aos marcianos representados como homiños verdes con cabeza moi grande. En realidade, estes seres son asombrosamente parecidos a nós, o normal non sería atopar criaturas tan antropomórficas noutros planetas. Por outro lado, o seu pequeno tamaño non está xustificado, xa que a gravidade superficial de Marte é 1/3 da terrestre, polo que o peso da materia é un tercio do que temos aquí. Por último, posuír un cerebro moi grande en tamaño non asegura maior intelixencia. De ser así, os pobres elefantes dominarían o mundo. O que si é certo é que non hai máis cera que a que arde, e se o cerebro é moi pequecho, pouco hai que facer.

Outra das manías de moitos extraterrestres é o gusto por aparearse con seres humanos. Isto é bastante absurdo, xa que os seres están "programados" para sentir atracción por criaturas similares a eles, coas que poder xerar descendencia viable. Unha mostra máis de cómo lles traspasamos as nosas perversións aos pobres bechos.

Tamén adoitan aparecer criaturas polo Universo adiante que carecen dun ecosistema arredor que os alimente. Semella que levan toda millóns de anos agardando a que chegue un humano para comelo. Tal cousa ocorre co verme que vive só nun asteroide na Guerra das Galaxias, así como en moitas outras películas. Un exemplo de ecosistema ficticio plausible é o creado no filme Dune (David Lynch, 1984), ambientado no planeta desértico Arrakis (tamén chamado Dune), poboado por diversas criaturas entre as que destacan os enormes vermes de area. Neste caso a coherencia ven dada polo excelente traballo de Frank Herbert na novela que dá orixe ao filme.




Ignorancia das leis da física
Aquí calquera listillo pode poñerse as botas. Imos ilustrar a sección a partir do filme A Guerra das Galaxias (George Lucas, 1977).
  • A gravidade: é unha constante nas pelis de ciencia ficción o tratamento erróneo da gravitación, non só en Star Wars, senón en case todos os filmes que podo recordar agora mesmo (Solaris, Dune, Atomósfera Cero...). Por arte de maxia, xa estean os personaxes nunha nave espacial ou na lúa dun planeta xigante, andan como se estivesen en casa. Un caso claro de xeocentrismo. En principio, no que toca aos planetas, poderíase argumentar que a humanidade foise asentando en lugares con gravidades similares á terrestre. É posible, pero por agora non se coñecen dous planetas con gravidades sequera similares. E pequenas variacións influirían moito nas tarefas cotiás. Onde non hai disculpa é na representación de naves e estacións espaciais, nas cales a gravidade debería ser cero, a menos que actúe un sistema de xeración artificial, que consistiría nunha zona da mesma en aceleración constante. Isto último é o que se ve en 2001: Una Odisea en el Espacio (Stanley Kubrick, 1968): a Discovery posúe unha sección en rotación permanente, na cal os cosmonautas desfrutan de gravidade. Vese que os filmes posteriores non se preocuparon por este aspecto fundamental, perfectamente retratado nesta película.
  • A traducción do título ao castelán non é moi acertada. As distancias entre galaxias son de millóns de anos luz, así que moverse dunha a outra, ou guerrear entre elas, é complicado. En cambio, si sería posible que iso ocorrese entre sistemas solares, polo que a Guerra das Estrelas, que sería a traducción literal, sería axeitado.
  • Os hologramas quedan moi bonitos, pero as comunicacións de radio ou TV fanse mediante emisión de ondas electromagnéticas que viaxan á velocidade da luz. Polo tanto, a grandes distancias, sempre hai un retardo considerable. Se isto se nota cando conectan no telexornal cun corresponsal en Iraq, como non se vai notar entre galaxias? Non é posible a comunicación instantánea.
  • As naves: este tema tamén dá moito xogo. O movemento das naves no espacio busca emular ao de avións de combate na Terra, pero isto é imposible. En primeiro lugar, o deseño aerodinámico non vale de nada fóra da atmósfera dun planeta, xa que no espacio non hai resistencia de aire ningún que vencer. Do mesmo xeito, non hai gravidade nin forzas de sustentación debidas ao efecto Venturi, polo que as acrobacias son imposibles tal e como as entendemos. Para poder levalas a cabo, as naves terían que estar completamente envoltas en motores de reacción distribuídos en todas as direccións. Se só os teñen apuntando cara atrás, só se poden mover cara adiante (a menos que entren na área de influencia dun planeta, nese caso moveríanse cara o centro do mesmo).
  • Explosións: no espacio as explosións son insonoras e non xeran lume, ao non haber osíxeno para a combustión.

Pois non se trata de desmerecer a un dos mellores monólogos da historia do cine, pero realmente o pobre Roy Batty nunca puido ver "ships on fire on the shores of Orion". Pero, neste caso... a quen lle importa? É unha escea sublime.
  • As espadas e as pistolas e canóns láser son un invento moi resultón, pero sen base ningunha. O láser é invisible e se propaga á velocidade da luz. Por outro lado, cando dúas espadas chocan non se debería escoitar ruído ningún, e de feito un raio de luz non pode "chocar" como o fai unha partícula de materia. Por último, as espadas non poden rematar a un metro da empuñadura, o láser emitiríase nesa dirección ata atopar unha barreira.
Moitos destes erros son conscientes. Outros non importan aos creadores, xa que respostan a criterios de economía da producción ou de maior espectacularidade. Ahí cada un poñerá o seu límite. É grave cando se meten gambazos que se solucionarían con só entrar na wikipedia. Ou cando se perde a ocasión de facer efectos e cousas chulas por ignorancia.
En todo caso, o preocupante é ver que en moitos aspectos os filmes cada vez van a peor, e que a base científica dos máis recentes descansa sobre a de outros filmes cargados de erros. Sería interesante saber ata qué punto isto inflúe na cultura xeral da xente, que tende a ver máis películas que ler libros de física.

5 comentários:

paidovento disse...

Parabéns pola crítica construtiva. Pero, como ben dis, hai gambazos e gambazos. Eu o do "replicante" tamén o perdoo.

Antón Pérez disse...

+SciFi: 8 de abril? Ou no meu ordenador o teu blog actualízase con 5 días de retraso, ou unha vez voltaches de Berlín fuches quen de viaxar no tempo para postar esta entrada antes de saíres...
Benvido en calqueira caso :-)

LEMOS 1923 disse...

Ten coidado coas alemanas, gañán (XDD)
Por certo, xa actualizo eu mañá ou pasado o outro blog. Saúdos e pásao ben en Deutschland country.

Princi disse...

Enzoufado correxindo ao maestro Kubrick.
Blade Runner "caca de la vaca" defenderei isto toda a miña vida. Tediosa,aburrida,cansina... a citada escea final provoca mais risas e ledicia por chegar ao fin que calquera outra cousa.

Gustame moito este ciclo "Cine ciencia",ainda que imaxino aos poñentes con cara de "este director de cine que non sabe de física elemental" e aos directores de cine dicindo "estes espectadores que non saben de ciencia elemental" e logo aos espectadores pensando "non teño nin puta idea de ciencia elemental e mellor así, a explosión foi macanuda, que mais da a falta de osixeno espacial"

Animaliño disse...

@paidovento: perdóase e mesmo se agradece.

@Antón: non sei que fallou, pero por agora non podo viaxar no tempo máis aló dos límites da relatividade. Todo se andará. Eu marchei a Berlín o 9, fixen este post o día antes.

@Lemos: pouco actualizaches :P. Non te preocupes que miña moza faime de coraza.

@Princi: non podo estar máis en desacordo co de Blade Runner. Peliculón que gaña cos anos. Escea para o recordo.
Evidentemente, o cine non é unha clase de física, ten que entreter. E viceversa. Pero si é chamativo que cada vez se ignoren máis os principios científicos para repetir o que se fixo en pelis anteriores. Iso non ten porque restar espectacularidade necesariamente. En cambio, os fallos gordos fan perder interese ao espectador.

Postar um comentário

Por favor, poñede un nick nos comentarios. É moi sinxelo: seleccionade "Name/URL" na pestaña de abaixo e logo escribide o nick co que queirades comentar.

Se xa tedes conta en blogger seleccionade na pestaña "Google account" e listo, xa fai el todo ;).

Graciñas!