29 de janeiro de 2009

"No paran de pasar chinos"

A ver se vos escarallades a metade ca mín. A pregunta é: droghas duras ou simplemente borracho de poder?
Atentos á magnífica montaxe no vídeo.



"Los chinos tienen los ojos en vertical"... Son orcos? Lagartos de UVE?

Ollo coas chinas de pernas tortas...

26 de janeiro de 2009

"Bilingüismo" electoralista

Link: Bífidus activo.

Hoxe vou dar unha nova definición de bilingüismo, aplicable á conducta de certos políticos en campaña electoral: capacidade para mostrar dous discursos enfrontados e contradictorios ante o electorado, en función das necesidades electorais do partido. E quero ilustrar esta nova definición de "bilingüismo moral" con dous casos que me teñen máis indignado que a suplencia de Valerón.

O primeiro afectado pola plaga é o señor Feijoo, candidato do PP. Un caso claro de ser humano no que un hemisferio cerebral non fala co outro.
Declaracións de Alberto Núñez Feijoo a Xornal de Galicia o 26 de xaneiro de 2009:
Núñez Feijoo cree que en la actual legislatura se ha ido en la “dirección equivocada” en materia lingüística, lo que ha llevado a una parte de la sociedad civil a “estallar”, porque no está de acuerdo con que sus hijos estudien “todas las asignaturas troncales en gallego”.
Además, Núñez Feijoo recordó que él mismo ha anunciado que “derogará” el decreto que regula el uso del gallego en la enseñanza, si llega a la Presidencia de la Xunta.
Isto é unha mentira pura e dura:
  1. En absoluto se obrigará a estudar todas las asignaturas troncales en galego. O decreto da Xunta establece un 50% das materias en cada idioma.
  2. Este decreto foi aprobado por unanimidade cando gobernaba o PP en Galiza. Foi proposto polo goberno de Manuel Fraga do que o señor Feijoo era conselleiro, quen por suposto votou a favor.
  3. Por desgraza, este decreto nin sequera se está a aplicar aínda na meirande parte dos centros, nos cales, no mellor dos casos, séguese a dar o 30% de materias en galego que me deron a mín hai anos.
Por que minte o señor Feijoo? Por que votou a favor dun decreto que agora quere derogar? Máis aínda, que hai de malo en que se dean a metade das materias en galego?

"Máis abaixo, pirata!"

Cando era o goberno de Fraga o que tiña que desenvolver as leis de normalización lingüística, o tema da lingua non era obxecto de tensión política. Por suposto, ninguén ía acusar a Fraga Iribarne de separatista ou de provocar a ruptura de España. Pero dende que o nacionalismo está na Xunta, a dereita decide crear en Galiza un conflicto social artificial inspirado na situación catalana, aínda que o tema do catalán non ten NADA QUE VER coa situación do galego. Se fai falta, os do PP son capaces de poñer o grito no ceo por leis que eles mesmos fixeron!


O segundo afectado desta epidemia de "bilingüismo" é o noso PRESIDENTE (o poño en maiúsculas por se a publicidade electoral non o deixa claro), o señor Touriño.
Hai 4 anos, PSdeG e BNG compartían a crítica feroz ao corrupto funcionamento do voto emigrante. Claro que daquela o reparto dese voto era tal que así:


É sabido que o voto emigrante favorece aos dous partidos estatais, PSOE e PP. E máis aínda que adoita inclinarse do lado do que goberna (ou sexa, do que dá as subvencións, as paparotas, os visados...). Será por iso que, en toda a lexislatura o PSdeG non fixo ningún esforzo por cambiar ese sistema de voto que criticaba. E para rematar a xogada, é agora o PP o que se une ao BNG nas críticas.
Hai pouco a Xunta Electoral Central decidiu que se esixira obrigatoriamente a presencia dunha copia dalgún documento identificativo (DNI, pasaporte...) para o voto emigrante por correo (Coooooooooomooooooooo??? É que antes non se esixía nin iso???!!!). Pois ben, esa medida aparentemente tan lóxica foi recurrida polo PSOE, dicindo que así moitos non van poder votar porque non teñen eses documentos. Pois oe, entón vese que teñen moito interese no tema... Polo menos Touriño ten a vergoña de non atreverse a defender esta postura, tivo que vir Pepiño Blanco a facelo.

Eu penso que nin sequera esta medida é suficiente en absoluto. O voto ten que facerse en urna para ser democrático. Pero aínda así, eu cuestiono moito que un arxentino ou un venezolano, polo feito de que seu avó ou visabó saíse con 15 anos de Palas de Rei a cruzar o Atlántico, teña o mesmo dereito ca mín a decidir o Goberno de Galiza. Xa non digamos nada cando votan os mortos ou unha mesma persoa vota 15 veces...


Todo vale no xogo político? Pódese xogar con temas tan delicados? Eu penso que os cidadáns están bastante por riba destas demagoxias. Ou iso espero.

25 de janeiro de 2009

Losada =?= Roldán



















Lugar de traballo: María Pita.
Destino vacacional preferido: Laos, Tailandia, Carabanchel.

23 de janeiro de 2009

Ponte mechas en Gessbra!

Fernando Torres tivo un bonito detalle co seu amigo Juan Carlos, dono da perruquería Gessbra, en Coruña, ao prestarse a promocionar este establecemento local nun spot de televisión. Non sei de ónde ven a amizade entre o dianteiro do Liverpool e o perruqueiro coruño, pero é posible que os veráns galegos de Torres e a súa moza galega, Olalla, teñan algo que ver.



O anuncio é bastante friki. Faime moita coña como comeza, con Torres andando dun xeito moi raro, como se flotase. A el case que lle dá a risa. Logo hai algún detalle moi cutre, como o de por a dirección do establecemento en letras brancas abaixo, todo un sello de identidade dos anuncios de Localia ou Telecoruña.

Pero a mín persoalmente, máis que a participación de Torres, o que me parece incrible é que Kelly Kapowsky (de Salvados por la campana) traballe agora en Gessbra. Qué voltas ten a vida!

21 de janeiro de 2009

Ave Obama!

Festexos propios dun Emperador

Aledeime tanto como a maioría (salvo exotismos históricos) pola victoria de Obama (congrats). Pero comezo a estar algo empachado del nos medios. Empachado e asombrado por toda a pompa e o festexo que están a montar coa súa toma de posesión. Máis parece propio dun antigo emperador romano que da elección dun presidente nunha sociedade democrática.

Aglomeración no National Mall no momento da investidura de Barak Hussein Obama

A figura do pai


Sei que Obama fai a miúdo referencia a seu pai nos discursos (leva máis dun ano botando 2 ou 3 ao día...), do cal el mesmo escribiu unha autobiografía. A historia do pai completa unha bonita parábola sobre o soño americano e as paradoxas da vida. Trátase dun home nacido nun pobo de Kenia e que chegou a USA nunha época na que os negros carecían de dereitos fundamentais. Agora seu fillo é presidente. Pero non deixa de ser unha imaxe algo enganosa. O suposto sono americano ten trampa: Barak foi criado pola súa nai e seus avós maternos, brancos e ricos, nas mellores escolas e universidades. Seu pai era un home brillante pero inestable, que abandonaba por veces á familia e que nos seus últimos anos bebía demais. A súa influencia na vida cotiá de Obama foi cativa. Iso non resta mérito á súa historia, pois evidentemente o tiñan máis fácil outros máis ricos e máis brancos. Pero nunca foi un outsider. Outra cousa é a influencia que tivo a figura do pai de Obama sobre o xeito de ver a realidade de seu fillo, de seguro que máis aberto que o de moitos dos seus compatriotas.

Á esquerda, Barak Hussein Obama senior, keniano emigrado a USA para estudar. Profesaba a relixión musulmana. Na dereita temos ao pequeno Barak coa súa nai, Ann Dunham, nada en Wichita (Kansas), nunha familia culta e atea. Coñecéronse na Universidade de Hawaii.

No punto de mira


Outra cousa que se comenta moito sobre os actos que están a acontecer é o tema da enorme seguridade en torno ao novo presidente. Ao contrario que moitas das paranoias sobre seguridade dos americanos, neste caso paréceme que as medidas están xustificadas.
Dende os anos 60, o asasinato de calquera líder de opinión que representase ideas minimamente perigosas para o "sistema" é unha constante en USA. Repasemos algúns:
  • John Fiztgerald Kennedy: en 1960, Kennedy converteuse no segundo presidente máis novo de USA. Viviu unha época moi convulsa enmarcada internacionalmente na Guerra Fría. Ata a súa morte asasinado en Dallas en 1963 tivo que xestionar temas fundamentais como a crise dos misís soviéticos, o comezo da Guerra de Vietnam ou as loitas dos negros polos dereitos civís. Non era ningún revolucionario nin moito menos, pero tampouco presentaba o perfil "dictatorial" que certos poderes ianquis crían necesario daquela. Lee Harvey Oswald foi acusado de ter levado a cabo o magnicidio en solitario. Asasinárono dous días despois, antes de poder sometelo a xuízo. Aínda que nunca se chegou a unha conclusión clara, diversas comisións e investigacións revelaron que, como mínimo, detrás do asasinato había intereses das máis altas esferas.
  • Robert Kennedy: irmán menor de John (só queda vivo Ted, que sufriu un desvanecemento precisamente na toma de posesión de Obama). Tratábase tamén dun home novo, con carisma e encanto, tirón popular e comprometido cos dereitos civís. Foi fiscal xeral e axudou ao seu irmán na crise dos misís. Foi asasinado cando loitaba (con vantaxe) contra o entón presidente Johnson por ser o candidato do partido demócrata. Rompera previamente a súa relación con Johnson a causa da súa diferente visión da Guerra de Vietnam. Ningún outro Kennedy tentou xa ser presidente.
  • Marthin Luther King: pastor evanxélico e líder do Movementos polos Dereitos Civís, que reclamaba a igualdade para os americanos negros. Conseguiu mobilizar a millóns de persoas e cautivar mesmo a certa parte da opinión pública branca. Comparte cos dous anteriores as críticas á Guerra de Vietnam. King foi asasinado nun hotel de Memphis. Un tal James Earl Ray declarouse culpable do asasinato, pero logo probouse que lle pagaran por facelo. Como nos casos anteriores, non houbo CSI que resolvese finalmente o caso.
  • Harvey Milk: a súa historia está agora mesmo nas carteleiras, nun filme protagonizado por Sean Penn. Foi a primeira persoa abertamente gay desempeñando un cargo público en USA. Converteuse no líder dos movementos a prol dos dereitos para os homosexuais. Foi asasinado xunto co alcalde de San Francisco (cidade tolerante co movemento gay) por Dan White, un home que dimitira do seu cargo como supervisor (o mesmo posto público que tiña Milk) pouco antes.
O verdadeiro Harvey Milk.
  • John Lennon: sempre pareceu claro que o seu asasinato foi obra dun fan pirado. Pode ser. Pero hai pouco desclasificáronse documentos confidenciais que demostran que a CIA espiaba ao ex-Beatle, ao que considereba unha ameaza, e hai constancia de que altos cargos da intelixencia americana opinaban que debía ser botado do país ou...eliminado. John chegou a USA no momento álxido da súa politización. Non só era un icono do movemento hippie e estaba en contra das guerras, senón que mostraba abertamente a súa simpatía polos grupos e movementos de esquerda. En USA, ser de esquerdas (xa non digamos comunista) é algo así como aquí ser satánico. Pero nese momento, after-Vietnam e con John de gurú, moita xente nova (e non tan nova) simpatizaba con esas ideoloxías supostamente "anti-americanas".
  • Larry Flint: probablemente non mereza estar á mesma altura que os anteriores, pero a súa historia é paralela. Este home, que revolucionou a industria do porno e creou a revista Hustler, pasou dous tercios da súa vida nunha silla de rodas por culpa dun atentado.
Non notades que falta algo na lista? Por que non hai ningún presidente republicano ou líder reaccionario? Ninguén do Klu-Klux-Klan ou da ANR, ou líderes de opinión fachillas como Rush Limbaugh... Só líderes de movementos progresistas.

Obama, take care.

17 de janeiro de 2009

Lendas urbanas coruñas

Hai tempo que tiña gañas de comentar convosco algúns dos rumores máis infundados ou estranos que chegaron aos meus ouvidos nos últimos anos. Moitos deles son certos, polo menos en orixe... Non sei se todos son vox populi. Ahí van uns cantos:
  • En Ciudad Jardín hai unha especie de Mansión Playboy coruña na que se rodaban (ou rodan) pelis porno e eróticas.
  • Coto Matamoros viviu en coruña de yonki total, alimentándose de carne de gaivota (esta parece que a corroborou o propio implicado).
  • Silvia Fominaya viviu aquí en Coruña cando era moza de Pedro Riesco. Iso é un feito. Os rumores (e o calendario) din que non tiña máis de 17 anos, como moito, é que a súa mala hostia era temible por calquera que se achegara a dous pasos.
Na esquina inferior esquerda vemos á Fominaya adolescente con Pedro Riesco en Riazor. A foto grande saiu hai uns anos, cando a revista do Dépor aínda molaba. Pouco casos máis extremos vin de persoa que gañase cos anos. Dietas, chapa e pintura e un ciruxano a domicilio fan milagres. Se vos fixades ben, veredes que alguén tuneou un pouco ao antigo patrocinador branquiazul...
  • Na entrada de Studio 80 (un pub) hai unha cousa rara na parede coa que se especulou moito cando se abriu. Uns dicían que había que ter unha tarxeta de socio e pasala por ahí para che abriren. Outros directamente afirmaban que había que pasar a tarxeta de crédito.
  • Un dos míticos rapaces que anda a vender pulseras e dvds pola noite polo centro é un camerunés que veu facer unha proba no Dépor, lesionouse, e decidiu ficar aquí.
  • Un dos ex-camareiros do Faluya é un ex-membro do GRAPO (confirmado). Póñoo nesta categoría porque ao primeiro eu non o crin. Agora está na cadea. Por sorte, o seu irmán Carlos foi liberado hai pouco logo de pasar meses na cadea sen ter cometido delito algún. Faluya resiste!
  • Hai unha rúa perpendicular á Avenida de Finisterra chamada Santiago de la Iglesia. Este nome sobreviviu ao franquismo porque ninguén pensou que un nome tan cristiano puidese ser o dun antigo alcalde republicano (confirmado).
  • Había unha lenda urbana recurrente no meu instituto que nunca fun quen de comprobar. Supoño que había parte de verdade (creo que o tío existe de feito), pero moita lenda ao seu redor. Trátase de "Necho", un individuo que vivía entre Visma e a Silva. Ou entre o Ventorrillo e Penamoa, como prefirades, nunha casa feita por el de TRES paredes. Hai múltiples lendas sobre o seu modo de vida, a súa dieta (a base de gatos e gaivotas) e a súa descomunal forza. Chegaron a dicirme que tumbara a unha vaca dun puñetazo.
  • Outra lenda urbana moi estendida era que en Katanga (aka Casas de Franco) mataran a un rapaz por unha cazadora. Non sei se foi certo ou non, pero teño escoitado mil veces variacións da mesma historia ubicada en diferentes barrios supostamente chungos (Korea, Labañou, a Sagrada...).

Tema aparte son as lendas ou rumores que afectan ao Dépor:
  • Serna se tiraba a Denisse, a muller de Bebeto, e por iso Arsenio non contou con el.
  • Arsenio ía buscar a Fran polo Orzán cando este fuxía das concentracións (seica é certo).
  • O tolo de Madar ten mil anécdotas de montar cristos por calquera cousa. Eu escoitei que lle tentara pegar a unha señora por un sitio nun parking.
  • Sobre a casa de Bebeto tamén hai unha chea de anécdotas. Un profesor de debuxo que traballara como arquitecto para os que logo se trasladaran a esa vivenda nos dixera que no W.C. había dúas esculturas en mármore de arroases saíndo da parede para apoiar os brazos mentres estás no trono. Tamén se comentaba que chegaran a prender lume sobre a plaqueta para facer un churrasco. Mítico foi cando a Coz sacara unha nova sobre un sofisticado equipo de videoconferencia que Bebeto mercou para falar con Brasil (falamos do ano 94 ou 95...). Voltou á tenda indignado porque non funcionaba. Cando o técnico chegou á casa e lle pediu que lle describise o problema descubriu que o equipo non estaba enchufado...
  • Bassir andaba só por ahí xogando ás tragaperras.
  • Bonissel estaba de mala hostia permanente e non quixera xogar aquel partido contra o Barça porque a súa muller lle puña os cornos.
  • Djalma invitou un día a Edmundo a saír por Coruña e se tajaron de tal maneira que acabaron pelexando cun membro dos Riazor Blues (confirmado).
  • Duscher díxolle a un policía que lle puxo unha multa: "en mi país por esto te daban dos tiros!" (saiu no xornal).
  • Mauro Silva fixera aquel amago de marcharse porque deixou preñada a unha do Corte Inglés e a muller non aturaba ficar aquí.
  • Sobre Mauro Scaloni, o irmán de Lionel, hai un cento. Eu teño unha que é verídica: meu pai un día atopouno na sauna dun ximnasio e comezoulle a contar a súa vida. Entre outras cousas, en 10 minutos díxolle que Tito Ramallo lle dixera que non voltara a adestrar co Fabril (por aquel entón en 3ª) ata que adelgazase 10 kilos. "Fijate vos, yo no me puedo contener ante un buen asado y en cambio mi novia es anoréxica!".
Agora tócavos. Imos facer unha recopilación de lendas urbanas, por absurdas que sexan. Xa vedes que case todo vale. Seguro que hai moitas que nunca escoitamos, ou que podedes corroborar ou comentar algunhas das que puxen.

16 de janeiro de 2009

Coruño en Vigo

Xa vedes que non dou collido o ritmo de novo. Pero ten explicación. Ultimamente ando facendo o eixo atlántico de arriba para abaixo moi a miúdo. A razón destas migracións ao Sur é que acadei o soño de todo coruño que se precie: traballar en lacoru e que che pague un vigués...

Fanfarronadas aparte, o certo é que a Universidade de Vigo tomou a sabia decisión de financiarme. Non podo renunciar a tanta xenerosidade, do mesmo xeito que sería indecente preguntar a orixe deses cartos (camorra). En todo caso, agora que a Xunta está volcada no Sur, non está demais crear algún fluxo económico en dirección contraria.
A contrapartida é que teño que viaxar e mesmo por veces pasar parte da semana na cidade olívica (quen viu un olivo en Vigo? Non atopaban outro símbolo?). Pero a experiencie está resultando positiva, porque teño que dicir que por alí se portan bastante ben comigo. Por agora non teño queixa e estou a coñecer a boa xente. Ademais, saco unha boa cantidade de anécdotas para encher o blog cando non hai ideas.

Aquí tedes a outro precedente de "extranxeiro" en terras viguesas que tivo que pasarse por alí para gañar os cartos, aínda que eu espero ter un rendemento un pouco superior. Ao seu carón observamos a un simpático e nada obeso seguidor celeste.

Non quero queimar os temas antes de comezar, pero xa podo facer uns comentarios sobre a vida en terras vigueses:
  • Comer de tapas ou a base de "comida lixo" é dende logo moito máis barato. Xa fun a varios sitios en Vigo nos que rematei cheo e pagando menos que por un kebab na Coruña.
  • O aloxamento tamén é máis barato. Non vou ter a mala hostia de preguntarme por qué ;).
  • Con respecto ao fútbol, en Vigo hai dúas clases de persoas: os do Madrid e os do Barça xd. A verdade é que aínda non atopei ao primeiro vigués celeste, e xa fun coñecendo a bastante xente pola facultade... Tócame bastante os huevos iso de "soy del Celta y del Madrid" e viceversa. Qué menos que poder picarte con celtistas en Vigo! Parécese máis á miña afección polo Unión Campestre que á que teño polo Dépor.
  • O tráfico e o párking andan chungos, pero aínda así bastante mellor que na Coruña.
Pois nada, que xa vos contarei máis chorradillas que me pasen por alí. Namentres, se precisades toallas ou xabrón avisade :P.

8 de janeiro de 2009

Videoclips cochos

Este post vai máis exactamente sobre videoclips CON cochos. Enzoufado segue disposto a reivindicar o sector porcino unha vez máis a base de música.

Hai un tempo que vin o vídeo de Animal Nitrate, un temazo de Suede. Non sei a vos, pero a mín o vídeo pareceume bastante lamentable, así que xa pensei en metelo naquel saco que abrimos no verán. Dende logo, trátase dun vídeo que tenta ser provocador e, para mín, acaba caendo no ridículo. Provocador foi, de feito estivo prohibido porque orixinalmente saían dous homes bicándose. Finalmente tiveron que facelo detrás dunha cortina para que ninguén se ofendese... O máis coñero é que un dos actores tiñá alerxia ao tecido da cortina!



Watch more Rock music videos at EZ-Tracks
Temazo!

O que rematou de romperme foi o boneco con cabeza de cocho que aparece no videoclip. Está claro que nos trata de dicir algo que non deixa de ser moi certo: no fondo todos somos animais feitos de nitróxeno: uns cochos de carallo apenas disfrazados. Este profundo concepto sobre a fina línea civilizadora que separa ao home dos animais exprésao inmellorablemente o meu electricista de toda a vida: "Sómosche un cacho de unto con ollos!".

Pero que non flipen estes ingleses coas súas provocacións de pijo-bizarras. Se polo 1993 os fillos da Gran Bretaña non podían ver gays en tv, a infancia galega (da cal eu era membro orgulloso) desfrutaba con videoclips plagados de porcos, galiñas, xabaríns e ata...luras.

Seguro que tamén os había noutros, pero cando penso nun porco nun videoclip, a mín venme este á cabeza:



Esta é unha das miñas cancións do Xabarín favoritas. É moito dicir, pero é que o ten todo:
  • Un cocho con peluca.
  • Juanillo Esteban (a voz do Xabarín, alias Yoni Mediogramo, o yonki de Labañou...).
  • Unha lurpia patilonga con minisaia provocadora (decateime que non me fixaba niso cando o vía de pequeno...) cun look moi similar ao de Uma Thurman en Pulp Fiction, pero mellorándoo coa camiseta do Xabarín.
Pois iso, que non vos podedes queixar, déixovos cun temazo con vídeo bizarro e con outro insuperable en todas as facetas.

6 de janeiro de 2009

A espiral da violencia

BO ANO 2009 A TODOS!

Como xa dixo algún nos comentarios, hai tempo demais que non renovo Enzoufado. Obligacións persoais, familiares, de ocio e simplemente lacazanería psicolóxica (e parapsicolóxica xd) provocaron este lapso no Nadal, despois dunha racha de 3 meses moi fructífera. Parece que este blog vai a rachas trimestrais, así que alá por abril profetizo un novo descanso ;).
Moitos temas me viñeron á mente sobre os que falar: as festas de fin de ano, o concurso eólico... Pero foi un o que sacudiu as miñas neuronas e me fixo voltar a sentir a necesidade de dicir algo: a ofensiva israelí en Gaza.


Información tédela de sobra nos xornais e as novas, sabedes de sobra o que está a ocorrer. Os titulares de hoxe son especialmente crueis, pois falan dun ataque con tanques a unha escola da ONU na que morreron 40 persoas. Unha masacre que reflicte a desigualdade desta guerra, que, aínda con altibaixos, leva xa moitas décadas costando vidas.

Caer na demonización dos israelís é sinxelo, pero demasiado simple e inútil para lograr a paz. Entendo que estaban a ser atacados e que os dirixentes de Hamas son unha panda de fanáticos que practicamente buscaba esta situación. Pero non esquezamos que o goberno israelí é igualmente radical e fanático, e que todo dirixente xudeu que tentou achegarse á paz e ao diálogo rematou asesinado polos seus propios compatriotas.
Penso ademais que os palestinos teñen un plus de razón neste conflicto, por dúas causas fundamentais:
  • A terra é súa. Eles non molestaban a ninguén ata que os xudeus foron montar o estado de Israel nun sitio no que din que moraban hai 2000 anos. Síntoo, pero a propiedade caducou. Probablemente haxa moitos máis descendentes deses antergos entre os propios palestinos que entre os "novos israelitas" vidos de Europa e América. En todo caso, a historia bíblica de hai 2000 anos pouco pesa fronte á xente que vivía alí pacificamente e con pleno dereito hai tan só medio século. Dende ese momento, as súas vidas non fixeron máis que ir a peor, sen comelo nin bebelo. Que culpa teñen eles das migracións da época do Imperio Romano? Só a culpabilidade da comunidade internacional tras o Holocausto puido consentir esa inxustiza.
  • É unha loita moi desigual. Tanques contra pedras. Aliados de USA contra aliados de Siria... Ricos contra pobres. O peor xa non é a loita, senón os momentos de "paz", nos que un muro separa un mundo rico dun pesudo-estado convertido en campo de refuxiados.

A violencia e o abuso da forza sobre un pobo nunca xera nada bo. Cantos máis pais sen fillos e nenos orfos haxa, máis difícil será que senten nunha mesa a negociar tranquilamente. Sementando odio e desexos de vinganza a paz alónxase. A violencia extrema dos nazis sobre os xudeus posiblemente inflúe na súa necesidade actual de sentirse fortes e unidos, por careceren diso no pasado. Igualmente, o ascenso dos nazis na década dos 30 está motivado pola fonda derrota e humillación de Alemania na I Guerra Mundial. Pola súa parte, a violencia de Israel conra Palestina só sirve para xerar unha furia cega contra Occidente, alimentando aos movementos máis fanáticos, como Al Qaeda, Hezbolá, Hamas ou os talibáns. Á súa vez, o terrorismo destes últimos provoca cousas aínda máis inxustificables (pois veñen de sociedades supostamente avanzadas), como as guerras preventivas de Bush. E isto, como todos sabemos, só serve para botar máis leña ao lume e crear novos mártires. É como se houbese un fluxo de violencia que se traslada no tempo e no espacio, pero nunca morre. Por iso é necesario cortalo.

Todos estamos convencidos (bueno, igual todos todos non...) de que a guerra non vai solucionar os problemas do presente. A solución do conflicto entre Israel e Palestina é a mellor medida que xamais podería existir contra os odios entre culturas, os fanatismos e o terrorismo. Unha solución moi complicada, na que a comunidade internacional debe mollarse dunha vez. Tras estes terribles ataques e co cambio na Casa Branca quizais sexa o momento. En todo caso, o primeiro paso é claro: un alto o fogo e retirada do exército de Israel en Gaza XA.