PP

A campaña comezoulles mal, moi mal. Os escándalos de corrupción e espías no PP, ademais da cada vez máis evidente falta de liderazgo de Rajoy, mollan a un Feijoo acostumado a pasar máis tempo en Madrid que en Santiago. Escándalos que tamén salpicaron aos números 1 de Coruña e Ourense. Caso aparte o número 2 por Coruña, Pedro Arias, membro dos Peóns Negros, grupo defensor da teoría da conspiración do 11-M.

A campaña foise enconando cara o final. Axudados por algún medio botado ao monte, o PP foi remontando nas enquisas ante o asombro do propio Núñez Feijoo. A falta de argumentos, Feijoo negouse a debater e optou por unha campaña bastante porca encamiñada ao descrédito público dos seus contrincantes a calquera prezo. Fotos de paparazzis, facturas falsas, reventar mitins alleos... Todo vale. O clímax ocorreu onte, cando o cacique ourensano Baltar chamou "maricón e pufero" ao socialista Pachi Vázquez e "maltratador" a Quintana. Espero que este home non saia de rositas da política e algún día responda por convertir a provincia de Ourense na súa finca.
PSOE

Touriño non foi un presidente brillante, pero polo menos exerceu con máis seriedade e respecto que o seu antecesor.
Na campaña o PSOE controuse absolutamente na figura de Touriño, sen reivindicar para nada a xestión das súas áreas. Un erro na miña opinión: Touriño non pode irse de estrela cando o candidato do PP aspira a moitos máis votos. Logo pasaron a reivindicar máis o cambio, meténdolle algunha andanada ao seu socio. Esa parte gustoume máis.
BNG
En líneas xerais, eu penso que a xestión do BNG nas súas áreas da Xunta foi boa nesta lexislatura. Nos ámbitos que coñezo máis de perto (Innovación e Medio Rural) fixo máis en 4 anos que o PP nos 16 anteriores. Unha xestión que foi bastante maltratada polos medios, poñendo a lupa sobre calquera aspecto cuestionable e minimizando os proxectos importantes que se levaron a cabo.
Teño que dicir que me parece inxusto o xeito en que o Bloque se convertiu na diana de moitos ataques. Entendo que quizáis haxa algo de mala conciencia por quen toda a vida apoiou a xente como Fraga e se sentiu sinalado polo BNG.A campaña electoral non me gustou. Estivo excesivamente centrada en Anxo Quintana, que non é "anxo" da miña devoción. Metéronlle moita caña e iso acabou pasándolle factura.
Terra Galega

O sempiterno alcalde de Narón Xoán Gato preséntase ás eleccións coa esperanza improbable de sacar un escano que lle permita ser bisagra (para pactar co PP, polos seus antecedentes). Gústame que haxa variedade de candidatos e opcións, pero non deixo de preguntarme quén financia unha campaña tan ambiciosa como inútil.
UPyD

Este partido, sen opcións de representación segundo as enquisas, está tendo un peso mediático moi superior ao seu apoio social. Os seus argumentos disgústanme bastante. Non xa porque non estea dacordo, senón porque me parecen falsos. Realmente, basean o seu ideario nunha loita a morte contra o nacionalismo, pero isto non é Euskadi nin Cataluña: aquí o nacionalismo non leva 20 anos gobernando.
Esquerda Unida

Un partido co que simpatizo pero que non me gusta neste momento. Non me gusta a candidata, a ferrolá Yolanda Díaz. Paréceme demagóxica e cun discurso baleiro.
La Voz de Galicia
Pódese considerar un partido máis en liza. A Santiago Rey molestoulle moito a saída de Xornal de Galicia, medio afín ao BNG e ao bopartito, así como a exclusión dos seus intereses no concurso eólico. Como consecuencia quitáronse a máscara. A Voz non está facendo nada distinto ao que facía antes (estamos acostumados ás súas campañas de persecución sobre persoas e institucións), simplemente que agora non disimula as formas.
Desencanto
Un concepto moi presente entre os votantes do bipartito e que comparto nalgunha medida. Ten razón Anxo Quintana cando di que máis de 50 anos de goberno da dereita en Galicia non se poden cambiar en catro. Tamén é certo que moitos medios mostraron unha actitude moito máis crítica co bipartito que con Fraga. Pero hai que recoñecer que o votante de esquerdas é máis esixente que o de dereitas, e os políticos deben respostar a esa esixencia, que outras veces lles favorece.
Localismo
Efectivamente, a área de Vigo foi maltratada no pasado, a pesar de ser o motor económico de Galicia, e merece que iso se corrixa. Pero, como coruñés, cóstame entender certas decisións. Por exemplo, se Coruña perdeu a capitalidade en favor de Santiago para evitar que unha das grandes cidades acumulase moito poder, por que Touriño levou a Consellería de Pesca e logo a capital de Euro-Rexión a Vigo? Por que o Estado vai pagar integramente a circunvalación a Santiago e só comprometeu unha pequena parte das circunvalacións de Coruña e Vigo, con áreas metropolitanas moitísimo maiores? Por que o capital coruñés ficou excluído do concurso eólico?
Baixo perfil
Galicia produce moitos políticos de éxito en Madrid (agora hai 4 ministros, un líder da oposición, secretario xeral do PSOE...). Se pensamos que os que están aquí son malos pode que tamén sexa responsabilidade duns galegos que durante anos lles pedimos ben pouco.
Tócame algo as narices que agora a xente se acorde de Fraga e Beiras. Do primeiro tivemos abondo. E do segundo, do que eu me declaro antigo admirador, simplemente fastídiame que quen o insultaba e non lle votaría na vida, agora o reivindique.
En resumo
Nestes 4 anos Galicia cambiou. Non hai máis que ver o esixentes que somos agora co noso Goberno e o pouco que lle pediamos a Fraga. É certo que falta de visión e de capacidade dalgúns impediu que ese cambio colmase as expectativas daqueles que o agardábamos con demasiadas ganas. Pero iso non me parece motivo suficiente para botalo abaixo.
Eu pasei toda a vida gobernado pola dereita e vendo a Galicia á cola de España e Europa. Non penso permitir que, co meu voto ou coa miña abstención, saia favorecido un Feijoo que representa a un partido dividido, corrupto e radical, que case nos fai estranar aos Cuiñas e Palmous de antano.
Eu pasei toda a vida gobernado pola dereita e vendo a Galicia á cola de España e Europa. Non penso permitir que, co meu voto ou coa miña abstención, saia favorecido un Feijoo que representa a un partido dividido, corrupto e radical, que case nos fai estranar aos Cuiñas e Palmous de antano.












