30 de junho de 2009

Bowie apagha o candil

Aquí temos ao señor David Bowie nos seus anos mozos, vestido de paxaro tolo gayer e cunha pinta a cabalo entre Bimba Bosé e a anorexia terminal. Chorradas de aspecto aparte, este temazo é un dos seus grandes éxitos, Starman:


Atendede aos minutos 1:20 e 3:00 especialmente.

Ok, se vos fixáchedes, nos minutos 1:20 e do 3:00 ao final hai un punteo de guitarra bastante básico que sirve de transición e final. A pregunta é sóavos de algo?? Exactamente! Bowie está apagando o candil! E se aínda non estades convencidos, voltade a eses minutos que sinalei da canción do inglés e tarareade por riba do punteo: apaga o candil, marica chus chus, apaga o candil que hai moita lus... ad infinitum.



Agora o de pelo vermello é King Africa. Nas pintas parécese, pero non no índice de masa corporal.

Plaxio? O camaleón do rock "inspirouse" na tradición popular galega? Pode que ficase o ritmo na súa cabeza logo de oirllo a un grupo de emigrantes polas rúas de Londres ou Manchester. Pode que sexa unha especie de melodía universal. O que non pode ser é que Bowie visitase Luar, porque hai moi poucas cousas que teñen máis anos que o programa de Gayoso, pero o bo de David é unha delas. A menos que viaxase no tempo, como facía o personaxe que o mesmo Bowie interpretou en Fire Walk with Me (David Lynch, 1992).

Polo pronto, aproveitando que está familiarizado coa tonada, sería boa idea que Bowie se viñese a Galicia no próximo Xacobeo, xa que nos deixou tirados no anterior. Aparte do concerto de turno, o de Brixton podería aproveitar para pasarse pola sala Dona Dana de Touro e marcarse un remix con Gayoso. Sería un momento estelar máis dos moitísimos que nos ten deparado este gran programa...

27 de junho de 2009

A Torre, Patrimonio de todos nós


16:35 - Comezo a escribir este post mentres a xente da Unesco está reunida votando (por fin...). Aínda non é o turno da Torre de Hércules. Así que porei o título ao final, cando xa todos saibamos o que ocorreu.

Gustaríame que lle desen ese recoñecemento á Torre. Todos os chorbitos de Lacoru están agora case convencidos que será así. Non o tiñamos tan claro cando xurdiu a candidatura. Para comezar, é moi complicado que che dean o recoñecemente á primeira vez que te presentas. Ademais, en Galicia xa hai 3 Patrimonios da Humanidade (Catedral e Camiño de Santiago e Muralla de Lugo).

Pero claro, a Torre, como boa romana, sabe latín, e ten algo de trampa. É certo que conserva a mesma funcionalidade dende a época romana, cun lapso de dous ou tres séculos entre o XV e o XVIII en que foi restaurada. É certo que é un monumento excepcional e que o seu pasado e fundamento romano está ben documentado. Pero non é un faro romano. O edificio que vemos é unha construcción do XVIII, edificada, iso si, sobre as ruinas da Torre romana, que aguantou máis de 15 séculos.

A construcción actual é algo máis alta que a orixinal, e recolleu nas curiosas líneas inclinadas coas que o arquitecto da época quixo homenaxear á escaleira helicoidal exterior que servía para subir á antiga torre romana, de planta cilíndrica.

Para mín, persoalmente, a Torre ten tres valores fundamentais, por riba do aspecto exterior do seu edificio:
  1. O entorno: a zona que a rodea á Torre é dunha beleza salvaxe fabulosa que aínda hoxe se conserva en parte. As vistas dende o seu cume son fantásticas.
  2. O pasado histórico e mítico: pensar que ese promontorio leva 2000 anos ocupado por unhas pedras que guiaron no mar a tantos centos de mariñeiros, é abraiante. Dende as lexións romanas camiño de Britannia aos vikingos, rematando no Mar Exeo, todos foron iluminados polo faro. Forma parte do imaxinario colectivo e mítico da cultura grecolatina, a través da lenda de Hércules e da cultura celta, sendo o punto de partida para a conquista de Irlanda.
  3. O xerme da cidade: entre a Torre romana e o Castro de Elviña exténdese unha cidade que debería estar máis orgullosa do seu pasado antigo.
16:43 - Pasan os minutos e aínda non chegaron á Torre. Andan coas Minas de Alamadén a voltas. Estanse alongando coas votacións.

Cando no século XV a Torre ficou abandonada comezou a empregarse como canteira. Esta atrocidade é algo común na historia ata hai unhas decenas de anos. A xente, na loita por sobrevivir, non valoraba o patrimonio máis alá da utilidade. Tanto a Torre como a Muralla de Lugo seguiron servindo para o seu fin durante séculos, e quizais por iso seguen ahí. O Coliseo de Roma tamén foi empregado como canteira para construir os edificios do Vaticano. A Mezquita de Córdoba estropeada para insertar dentro unha igrexa. O patrimonio non só non se coidaba, senón que todo o que sonaba a pagán ou infiel era destruído pola clase dirixente católica intolerante.

As agresións á Torre non remataron no século XVIII, cando foi restaurada. Eu vivinas na miña breve existencia. Cando era eu cativo, a Torre contemplábase dende case todos os puntos da cidade, e concretamente dende a bahía de Riazor e o Orzán. Hoxe isto último é imposible. O urbanismo atroz cebouse coa cidade, e Sir Paco Vázquez, que nunca moveu un dedo pola Torre, permitiu que unha nova liña de edificios tapase a Torre dende as praias. Isto foi hai ben pouco. E ninguén dixo nada. Non hai como viaxar para darse conta que a obsesión destructiva coas alturas e a edificabilidade nesta cidade non é algo normal.

Os edificios que nunca se deberon construir. Do reloxo de pulsera horrible enfrente deses bloques "modelo Alcala Meco" xa non digo nada...

Xa antes o "Embudum" de Monte Alto restáballe protagonismo á Torre no skyline coruñés. E aínda hoxe seguen a construirse edificios demasiado altos demasiado cerca. En Santiago, os edificios axustan a súa altura para non impedir que as torres da Catedral se vexan dende calquera perspectiva ao chegar á cidade. Aquí, políticos e cidadáns non souberon nin quixeron defender a Torre que agora tanto parecemos apreciar.

16:50 - Os membros da comisión encerráronse para tomar a decisión definitiva sobre o grupo de candidatos que quedaron da mañá. Entre eles a Torre. Queda menos para escribir o título do post.

Sexa cal sexa ese título, só espero que de agora en diante a Torre e o seu entorno, así como o pasado e o patrimonio desta cidade reciba unha mellor atención, sen necesidade de que ninguén de fóra nolo impoña.

17:00
- A cousa está que ferve. Enzoufado agarda en primicia. Acaban de rexeitar a candidatura das Minas de Almadén de por un só voto.

17:07
- O Conselleiro fala dende María Pita. Isto xa é unha romería e todos queren levarse os méritos...

17:18
- Mecaghindiola, que algúns temos cousas que facer... A deliberación está durando moitísimo e ninguén sabe por qué. Ao parecer agora deciden se a candidatura rexeitada pode voltar a presentarse.

17:29
- Rexeitaron as últimas dúas candidatas. Parece que non lles gustou a comida. A ver cándo carallo lle toca á Torre. Disque é a seguinte...

17:37 - ZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZ

17:47 - Tres horas durou o debate anterior. Almadén poderá presentarse de novo. Agora é o turno da Torre.

18:05 - Tres horas durou o debate anterior. Agora é o turno da Torre.

18:26 - Pinta ben o tema. Todos os países están apoiando a candidatura.

18:28 - A TORRE É PATRIMONIO DA HUMANIDADE!!!!! NORABOA!


Noraboa a Xornal polo seu fantástico seguemento en twitter.

26 de junho de 2009

Triste historia

Morreu Michael Jackson. Non sinto unha pena especial por el como persoa. Máis lástima me dá todo o que lle ocorreu previamente. Esa vida tan espectacular como patética de xoguete roto. Michael permitiunos ver o descenso aos infernos dunha persoa en directo, e con royalties de por medio. Un descenso no que pode que polo medio tamén mancase a outras persoas.

Aparte da súa triste historia persoal, está o legado musical. Tampouco quero pararme en iso. Nos seus discos había talento, si, pero tamén neles puidemos ver máis que nunca a maquinaria das discográficas a pleno rendemento. Na miña opinión, do mesmo xeito que esa industria de proporcións monstruosas fagocitou a súa vida, é difícil separar o seu éxito persoal do espectáculo de arredor. Ata que punto iso ía consigo? Non o sei.

Michael cando era Michael

O que realmente me causa tristura é que morreu un símbolo dunha época e especialmente da nosa infancia. Hai tempo que Michael era un esperpento con cara de ultratumba. Pero cando era pequeno recordo que estaba ata na sopa. Que todos escoitabamos a súa música e flipabamos cos seus videoclips. A miña primeira guitarra de xoguete tiña un debuxo seu co seu nome. E miña nai recórdame que cando era cativo, acostumaba a pensar que todo negro que saía pola tele era Michael Jackson. Pouco tempo despois a confusión sería imposible...
Sempre que morre alguén, o que máis doe é a perda daquel aspecto de nós que esa persoa representaba ou nos permitía desenvolver. Michael é un símbolo da nosa época que caeu. Pero xa hai moito tempo diso. Isto é só unha confirmación e, espero, o final dun angurioso sufrimento.

A pesar de que hai temas seus que me gustan, non quixen meter ningún videoclip porque sería mostrar á forza unha parte da súa explotación persoal e comercial. Non hai límite entre ambas. Non quero tampouco demonizar a ninguén: simplemente hai xente que está máis ou menos preparada emocionalmente para afrontar situacións difíciles. Michael non o estaba. Ogallá moitos pais aprenderan da súa historia e deixen de explotar (non ten outro nome) aos seus fillos en nome dos cartos, a fama ou, simplemente, de fuxir das súas propias frustracións ou inseguridades.

22 de junho de 2009

Feliz Solsticio pagán

Dende sempre San Xoan é unha das miñas festas favoritas. De pequeno, xuntábase familia na miña casa para tomar unha sardiñada e prendiamos unha lumeirada. O lume ten ese efecto que é ao mesmo tempo hipnótico ou máxico e moi enxebre (o fume, o cheiro) e lle dá un toque especial á festa. Non era só iso: San Xoan marca o inicio do verán e, cun pouco de sorte, do bo tempo.

Segue a gustarme hoxe todo iso e máis cousas. Gústame que é unha festa moi "democrática": hai lumeiradas en cada barrio e sardiñadas na rúa en todos os bares. Semella que a xente toma as rúas. Tampouco falta viño (e cerveza, e xenebra....), e con sorte mesmo podes atopar pan de millo.


San Xoan mantén aínda ese aire tan enxebre pero ao mesmo tempo profundamente antigo e pagano que se afunde na noite dos tempos. De todos os festivais ígnicos (ou sexa, do lume) que abondaban na Antigüidade, o do solsticio de verán, Litha (actual San Xoán), é o mellor conservado e máis extendido. Pero había máis festas paganas en torno a unha fogueira: Beltane (a noite de Walpurgis), Samhain (Todos los Santos) e Yule (solsticio de inverno). Neles, os nosos antergos marcaban os cambios de ciclo e de estacións, co que iso supuña para a agricultura, ao tempo que se "purificaban" co lume sagrado para evitar enfermidades e promover a fertilidade da terra. Case todas as nosas festas "relixiosas" correspóndese con eventos pagáns deste tipo. As festas da Asunción da Virxe enguliron as antigas festas da colleita.
San Xoan é, a pesar do nome, a que menos enzoufou a Igrexa Católica, conservando toda a súa carga pagán e ancestral: comer, beber e bailar arredor do lume durante a noite máis curta do ano.

Moitos son os ritos e lendas relacionados con esta noite. Por mencionar algúns:
  • A orixe: os expertos non se poñen dacordo sobre o sentido das lumeiradas. Ofrenda ao sol ou símbolo purificador? A tradición popular galega incita a pensar o segundo (miña visaboa prendía unha cacharela e saltaba por riba tres veces logo de ver a un moribundo). Pero a coincidencia cos solsticios dá que pensar.
  • Hai historiadores que opinan que a tradición de queima de bonecos ou efixies pode sinalar un antigo rito de sacrificios humanos.
  • En Gales e certos países nórdicos críase que o visgo (muérdago) recollido a noite de San Xoán cunha fouce de ouro (como Panoramix...) provocaba soños proféticos. En moitos outros pobos hai tradicións que relacionan San Xoan con herbas máxicas. En Galicia é típico lavarse a cara o día seguinte coas "herbas de San Xoán".
  • Cando a festividade cae en venres, a tradición di que, poñendo unha moeda nun punto elevado da casa terás diñeiro e felicidade. Canto mellor a moeda e máis alta a poñas, mellor. Ollo con subir mañá á Torre...
  • San Xoan é un día propicio para que os seres malignos saian dos seus acochos e as bruxas celebren os seus aquelarres. Dise que se celebra un aquelarre cada San Xoán no monte Neme (sagrado, en lingua Celta), que é o que está xunto á praia de Razo, tirando cara Malpica.
  • Agora todos saben que San Xoán é unha noite bastante propicia para ligar. Pero hai que ter ollo. A lenda di que te casarás coa primeira persoa do sexo oposto que vexas logo da medianoite. Xa sabedes...
  • Se queres convertirte en bruxo, debes situarte completamente espido nun cruce de camiños e dar sete volteretas en cada unha das catro direccións. Non me fago responsable de escándalos públicos mañá na fonte de Catro Camiños...

E moitas máis que farían as delicias de Friker Jiménez. A maioría moi parecidas entre si, recordando a orixe común desta celebración.

O rito dominante actualmente difire un pouco dos comentados. Consiste en baixar á praia, buscar un oco no que sentarse a redor duns palés medio podres en chamas e proceder a castigar o fígado sen compaixón. Dise que o rito ten finalidade reproductora. Pero para se cumplir parece imprescindible mexar un mínimo de 10 veces na beira do mar, así como voltar á casa facendo "eses".

Paganismo moderno, non somos tan distintos dos nosos antigos. Sentidiño, enzoufádevos na area e Feliz Solsticio!

20 de junho de 2009

Un aniño Enzoufado

Bueno, mirade como ando que ata se me pasou o primeiro aniversario de Enzoufado! Este pasado mércores 17 de xuño cumpriuse un ano do primeiro post do blogue. Estaba eu estudando para uns exames, circunstancia que, no meu caso, dáme moito tempo para pensar. Diversos acontecementos que me tocaron de preto naquel entón, fixéronme sentir a necesidade de dar a coñecer e de expresar a miña opinión sobre certos temas que me interesaban do noso entorno. Especialmente do entorno máis próximo: Galiza e Terras Coruñas.

Hai un ano, no post de presentación, escribín isto:
En canto á temática, polo de agora non se vai restrinxir nada. Obviamente haberá temas que se tratarán con máis frecuencia e atención (ciencia, medio ambiente, asuntos locais...), pero penso que é mellor que tanto este aspecto como o tono do blog se vaian definindo co tempo, e non a priori. Xa hai unha primeira lista de seccións, que irá medrando pouco a pouco.

No que si este blog estará claramente definido é nas coordenadas e nos puntos de vista adoptados. En primeiro lugar no que se refire ao espacio xeográfico: farase especial fincapé en cuestións relacionadas con Galiza (gústelle ou non o nome á RAG) e, especialmente, con Coruña e a súa bisbarra. Isto non quere dicir que non se traten temas globais, pero en moitas ocasións a perspectiva e a elaboración propia estarán máis orientadas cara esta esquiniña do mundo.
En segundo lugar, e aínda que non pretendo para nada facer un blog para nostálxicos, un non pode fuxir do que é, polo que haberá numerosos guiños para aqueles galegos e "curuñeses" nacidos nos 80, con todas as referencias pseudoculturais que iso implica.
Por último, buscarei sempre que a páxina teña un tono distendido, mesmo humorístico en ocasións, pero tamén reivindicativo e sempre atento a cuestións de xustiza social, tanto no que nos afecta a grande como a pequena escala. Hai que enzoufarse cos temas importantes!
Conseguín o que me propuña? Iso tedes que dicilo vos. Que opinades? Interésame o que teñades que dicir nese senso. Eu persoalmente síntome contento en liñas xerais pero son crítico con moitas cousas.

A idea segue sendo a mesma, a que dá titulo ao blogue: enzoufarse. Dar opinións, sen medo a que sexan politicamente correctas. Rirnos de nos mesmos. Ser críticos coa sociedade en que vivimos a través do debate e do humor. E desfrutar das nosas referencias (sub)culturais comúns. Pretendo que o humor sexa algo fundamental no blog, pero nunca quixen que fose o único. Debe haber espacio para outras inquedanzas. É un equilibrio difícil, pero non ten sentido para mín facer unha web exclusivamente de entretemento.

Que lle espera a Enzoufado de cara ao futuro?
Pois, na liña do que comentaba no parágrafo anterior espero mellorar un pouco o equilibrio entre o humor e a crítica social, de xeito que o blogue non quede a veces un pouco esquizofrénico. Tentarei centrarme en temas locais e, sobre todo, en ser constante co "tono" do blogue, o xeito en que está escrito. Se non se poden enzoufar un pouco, non ten sentido repetir unha vez máis os videos que xa colgou yonkis.com ou as novas que xa publicaron os xornais. Tentarei tamén seguir incluíndo algún contido de música e cinema, na liña de conectar coa cultura deste lugar e da "nosa" xeración. Penso que nisto último aínda hai filón por explotar, pero non é sinxelo facelo dun xeito minimamente orixinal. Espero tamén postear cunha periodicidade aceptable, pero vou primar a calidade sobre a cantidade. Comprobei que moitas veces os posts de recheo son un erro.

Este foi o meu primeiro blogue e, polo tanto, no transcurso do tempo aprendín moitas cousas e fun mellorando, pero como en todo houbo altos e baixos. Os que teñen ou tiveron un blogue saben o difícil que resulta ser constante, tanto no ritmo como na temática ou no tono.
Por outro lado, do mesmo xeito que fun aprendendo a xestionar o blogue e a seleccionar contidos que interesen á "audiencia", tamén me sentín a miúdo desconcertado polo desigual éxito de moitos posts. A continuación fago unha escolla dalgúns dos posts máis exitosos, intentando que sexa unha selección variada. Moitos deles levan tempo colgados nos Top 3.
  1. O post máis emblemático: Lendas Urbanas Coruñas.
  2. Enzoufado atopa unha mascota: Quinín.
  3. O post con máis participación da historia de Enzoufado: o recente debate sobre se os Coruños somos pechados ou non.
  4. O primeiro en chegar a 10 comentarios fíxoo a base de versións.
  5. Un post feito dunha arroutada cun éxito inesperado...
  6. ... e outro post moi currado con pouco éxito.
  7. Resaca electoral con participación masiva.
  8. Dúas semanas fóra supuñan un parón importante. Decidín sacarlle partido co neno cantor.
  9. Todos rimos coa depilación láser dos collóns.
  10. A nostalxia sempre funciona. O Capitán Planeta logrou moitos comentarios no seu momento.
Sempre nos acordamos dos posts exitosos, pero poucas veces dos que saen mal. Moitas veces agardabas mellor acollida. Tamén ocorre que un post pode gustar pero xerar pouco debate. Como hai que enzoufarse, afrontemos os fracasos:
  1. Ciencia e cine II.
  2. Muiños no mar.
  3. Monty Phyton's Flying Circus.
  4. Ansar goes to the white house.
  5. Wolfram.

Tempo atrás pensei en aproveitar este aniversario para fuxir da plataforma blogger. É algo que sopesarei durante o verán, xa que non me convence en moitos aspectos. Pero, a curto prazo, seguiremos aquí facéndolle o xogo a Google.

O que si debo facer é trasladar o meu agradecemento á xente que me apoia ou que nalgún momento mostrou interese por Enzoufado. Un blogue faise para un, pero de non sentir que a alguén máis lle importa/divirte, deixa de ter sentido. E eu podo gabarme de contar, sobre todo de medio ano ata agora, dun grupo de seguidores e de blogues amigos bastante fiel e estable, que contribúen nunha medida altísima a facer esta páxina e os seus posts máis interesantes. Como celebramos o primeiro ano, acordareime sobre todo daqueles que estiveron dende os comezos: FM, Princi, pataka, ReBr0, Marcus, erik e...diversos anónimos. Grazas de verdade!

Así que nada, saúde a todos, unha aperta especial aos que xa estaba aquí hai un ano e... Let's Enzoufing!

16 de junho de 2009

Por que os fachas son baixiños?

En Italia o goberno de Berlusconi (un habitual de Enzoufado e unha bendición para blogueiros sen ideas) creou unha lei que permite aos militantes de certos partidos de ultradereita facer patrullas de "seguridade" polas súas cidades. Estes partidos son a Liga Norte e o MSI-Dereita Nacional. Recordo perfectamente as pegatinas e carteis do primeiro en Milán e Xénova e do segundo en Roma cando estiven por Italia hai un par de anos. E dígovos de primeira man que a estética e os mensaxes desta xente asustan. Guerreiros empuñando espadas, lumes purificadores e negros roubabolsos... Máis parecen reproduccións das batallas da Reconquista que publicidade política. Pero non vos preocupar. Estes fachillas xa teñen un inimigo: A Patrulla Xudea. Non é broma (link)!

Aquí temos a un simpático e sanote militante de MSI-Dereita Nacional lucindo o flamante uniforme co que el e os seus colegas "limparán" as rúas, co amparo da lei. Está aínda máis guapo que na primeira comunión:

Isto fíxome reflexionar sobre unha pregunta que nos deberiamos facer todos. Unha pregunta digna dos máis sesudos tertulianos: por que os fachas son baixiños e feos?
A mín a bote pronto ocórrenseme dúas posibles razóns:
  1. Pureza racial: se falamos de fascistas mediterráneos, é de esperar que falemos de latinos de pura cepa. E todos sabemos que o arquetipo home español/italiano/portugués/grego é un fulaniño estilo Sancho Panza ou Jesús Bonilla. En Alemania era outra cousa. Para entrar nas SS tiñas que ser un ario de pro e medir máis de 1,90. Pero mesmo neste caso temos excepcións: todos sabemos que Hitler ou Goebbles non eran precisamente nin pívots de baloncesto nin a reencarnación de Adonis...
  2. Complexos: cando un chaval americano se pasa 16 anos da súa vida vivindo puteos na escola (iso que agora se chama bulling), colle un arma e se carga a todo quisqui. Europa é moito máis civilizada, aquí non pasan esas cousas. Aquí o rapaz medra, ocultando todo ese rencor, para de maior convertirse nun líder de ultradereita. A súa misión: tocar os huevos ao personal. Prohibido foder, prohibido andar de festa, prohibido drogharse, prohibido pensar. E se se pode, unha guerra nunca ven mal para descargar frustracións. E non, non estou pensando en ningún texano de bigote...
Haberá quen diga: menuda bobada conta o Animaliño. Fáltanlle ideas. Pois si. Pero a verdade é que razón non me falta. E se non, mirade:

José María García: "Me voy a dedicar a la investigación. Quiero encerrarme dos meses y saber qué es Internet". Que me avise cando descubra www.butaneras.com.

Son ananos si ou si?????

Gráfica dun prestixioso estudo da Universidade de Wisconsin na que se mostra a relación entre a altura corporal (eixo das abscisas, en cm a partir de 1 m) e o grado de facherío (en ordenadas, en unidades de maldade adimensionais).

10 de junho de 2009

A corrupción me mola mogollón

Nos mola mogollón. Hai que dicir as cousas como son. Non é politicamente correcto ser un fan da prevaricación, pero moito menos criticar o sentido do voto dos cidadáns que favorecen aos corruptos. Así que toca enzoufarse nese tema. Os europeos buscan líderes fortes, que lles dean seguridade. E semellan dispostos a esquecer todo o demais. A ultradereita avanza en Europa. Tamén en España?


O amigo Berlusconi ven de gañar as europeas, acompañado por un importante número de deputados dos seus socios de ultradereita (ou superultradereita, porque ser máis facha que Berlusconi...complicado) da Liga Nord, que obtivo 9 escaños no Europarlamento. Iso, logo de meses nos que se comezaron criticando as súas medidas xenófobas, e rematamos falando dos seus asuntos de alcoba. Por mencionar algúns (non dou a basto):
  • Comeza a lexislatura con medidas xenófobas no trato aos inmigrantes, expulsión e penalización dos xitanos e rumanos só por motivos de etnia e permitindo aos radicais da Liga Nord formar patrullas cidadás con dereito a portar armas (os novos camisas negras?).
  • Terremoto en L'Aquila. Berlusconi, que desoíra as advertencias de expertos, recomenda aos damnificados que perderon as súas casas que desfruten da situación coma se fose "un fin de semana de camping", e que se perderon as súas cousas mercasen "novos mobles en Ikea. É baratísimo". Gran sensibilidade.
  • Ante as inminentes europeas, decide facer un casting de candidatas. Os italianos poderán escoller á "cabeza" de lista entre modelos, cantantes e ex-concursantes de Gran Hermano. Por certo, máis de unha da lista coñecía a Berlusconi a fondo...
  • A súa muller decide divorciarse por reiteradas infidelidades "con menores" e falta de atención aos seus fillos. Non olvidemos que falamos do país do Vaticano.
  • Descúbrese o pastel: sábese que Berlusconi mantivo relacións cunha moza chamada Noemí Letizia, tendo este 17 anos. A familia da rapaza, encantada. Mesmo seu pai recomenda a Noemí que chame papi ao Cavaliere. Berlusconi nega estas acusacións (non o de terse beneficiado á tía, senón que o fixese sendo menor) mostrando fotos súas no 18 cumpreanos da moza, e afirmando que alí a coñeceu. As fotos son un burdo photoshop.
  • Berlusconi é condeado en firme por corrupción polos tribunais italianos. Non vai á cadea grazas a unha lei que el mesmo creou que lle garante inmunidade.
  • Tirando da corda: Noemí non é a única. Berlusconi ten un auténtico harén na súa mansión de Cerdeña. Dirixentes do Goberno e das súas televisións pásanlle books de xoves modelos nos que el escolle como na carta dun restaurante. Durante o Nadal, máis de 20 rapazas están na vila de Berlusconi ao seu servizo e o dos seus amigos. Como nos peores tempos do Imperio Romano, Berlusconi emprega avións militares e medios públicos para transportar a Cerdeña a esta corte, na que ademais de xoves belezas hai ananos acróbatas e demais "divertimentos".
  • El País publica as fotos roubadas da mansión de Berlusconi. Nas imaxes hai mozas espidas, o primeiro ministro checo espido, Berlusconi e moitos gardaespaldas.
Berlusconi de cera ao carón de Noemí e a súa nai, nas fotos trucadas.

E gañou, señores, gañou as eleccións. Algúns din que é culpa da esquerda, que está moi mal. E digo eu: é obrigatorio votar a un partido se o rival está "mal"? Só hai dúas opcións? Na tele vin a unha señora italiana dar unha explicación que me gustou máis: "os italianos son individualistas, egoístas. Gustaríalles facer o que lles dese a gaña, e Berlusconi é un modelo para eles. É un tío que ten todo o poder e fai o que lle dá a gaña".

Hai tempo que todos nos preguntamos cómo é posible que isto pase en Italia. Pero temos que mirar tamén ao noso. O Partido Popular ven de arrasar en Valencia, cun presidente metido ata as cellas nunha trama de corrupción. Como mínimo, sabemos que Camps movíase nunha rede de favores e influencias con xente tan pouco recomendable como El Bigotes. Tamén arrasou en Madrid, onde moitos políticos dos municipios e comunidade autónoma están implicados na Gürtel, e onde se sabe que houbo unha trama de espionaxe dentro do Goberno autónomo. En municipios como Pozuelo, con alcaldes implicados en casos de corrupción e mesmo cesados polo partido, o PP arrasou.

O mesmo en Galicia. O PP gañou de calle, tirando dun Feijoo que aínda non acusa desgaste. E aquí tampouco estamos libres da corrupción. Pablo Crespo é unha das pezas fundamentais da Operación Gürtel, e tivo altas responsabilidades no goberno de Fraga e baixo as ordes de Negreira (número 1 por Coruña) en Puertos del Estado. Por outro lado, Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente, está imputado por presuntamente ter favorecido os seus intereses empresariais.

Claro, podemos pensar que, simplemente somos un país corrupto, algo hipócrita, que denuncia a corrupción en Italia ou Latinoamérica pero consinte a propia. Pero iso choca un pouco co feito de que, supostamente, o bipartito acaba de perder unhas eleccións por culpa en gran parte dunha campaña centrada en denunciar actividades ou actitudes derrochadoras e corruptas. Así que un se pregunta: O erro de Touriño e Quintana cal foi? Mercar un coche novo? Subir ao iate dun empresario? Ou foi non facelo máis a miúdo?

Parece claro que hai un dobre raseiro. É evidente que os votantes de dereitas non son tan críticos cos "deslices" dos seus representantes como os de esquerda. Pero non son os únicos. Parece que tamén os votantes de esquerda vemos como algo case normal a corrupción na dereita, pero nos escandalizamos cando ven polo lado contrario. Sen embargo, son os mesmos cartos de todos, e as mesmas responsabilidades. Por que tan diferente esixencia? Que conste que eu non reivindico unha igualdade por abaixo, senón unha maior cultura democrática. Débese ser moi esixente e estricto nestes temas con TODOS os políticos.

O único que teño claro é o certas que eran esas palabras do Gran Wyoming: "no hay nada que joda más a un tío de derechas que un tío de izquierdas que gane más dinero que él". Moi certo. Pero penso que mesmo os votantes de esquerda temos algo dese complexo.

7 de junho de 2009

Porno á feira

Este finde o sexo nos rodea con maior presencia da habitual, aínda que pareza difícil. Hoxe finaliza o primeiro Salón Erótico de Galicia, ErosGalicia, situado en Expocoruña dende o pasado venres.
Actrices como Anastasia Mayo, "acróbatas vaxinais" como Baby Pin-up ou auténticas vellas glorias do porno como Ciciolina pasan estes días na cidade. Que que é unha acróbata vaxinal? Pois ela mesma o explica: "Saco 150 metros de bandeira, 90 metros de colar de perlas ou flores da vaxina e ademais podo enroscar bombillas; son a única que fai estas cousas en Europa".

Baby Pin-up: unha marabilla para non facturar nos aeroportos.
O festival ofrece entre outras cousas a posibilidade de coñecer artistas eróticos, fotografarte con eles e velos actuar, un atelier erótico, shows diversos, novidades da industria cinematográfica e editorial, mercar produtos eróticos na rúa do pracer, facerte un peinado "íntimo", participar en concursos, ver novidades de arte erótica ou asistir á filmación dun filme XXX. Iso si: 20 eurazos. Vamos, que hai que sacarlle proveito.
Tamén hai que sinalar o uso do galego na web e na publicidade. E cun nivel de corrección que xa me gustaría ver en textos institucionais da Xunta!

Ciciolina colaborando gostosamente...
O sexo mola e ademais é un negocio interesante. Os rapaces novos galegos xa non van querer estudar Camiños en Coruña ou Teleco en Vigo. Non van marchar a gañarse o pan en Canarias ou a ser esclavos de Amancio Ortega. Non sairán por Vila coa esperanza de ligarse á filla dun narco. Iso é pasado. O sector de futuro en Galicia é o sexo, e se non mirade o que publicaba hai unha semana Xornal, non ten despedicio:

[...] Precisamente este polémico actor (Totó García), que se fixo coñecido por rodar un vídeo porno coa catedral de fondo (ver máis abaixo), comanda un orixinal proxecto para dar un espazo á lingua galega no cinema erótico. Actor e director de éxito -conta cun premio e tres nominacións do Festival Erótico de Barcelona-, actualmente Totó atópase metido, entre outros proxectos, na creación dun película coa Galicia total por obxectivo. Terra Meiga pode ser o nome para ese filme que tirará da canteira de actores, da espectacular paisaxe e do idioma da terra.

"Queremos facer un bo produto en galego; ten que parecer enxebre pero serio no que as paisaxes sexan galegas, se se ve unha cervexa, que sexa Estrela de Galicia, os actores sexan galegos... Queremos que iso se vexa incluso pola forma de interpretar", explica o actor. (pola forma de interpretar? Estariamos ante un Galician Fucking Style!)

Os fans deste xénero xa están cos dentes longos agardando a que se colgue na web www.PorNoAburrirse.com. [...] "Tardaremos uns dous anos en acabala porque é complicado atopar as rapazas que buscamos", explica o director. (probaron no Orzán?) [...] Para as que se postulen, o físico que busca a productora é o dunha muller que se pareza todo o posible a unha rapaza atractiva de hai uns cen anos (Ana Kiro?). Nada de piercings, nada de tatuaxes nin de silicona: non resultaría crible. Nesta produción, a beleza natural imponse.

Para o papel de mozo ben dotado a cousa é ben distinta. PorNoAburrise non conta nunca con actores noveis porque un maior ou menor aguante pode chegar a estropear unha toma de 800 euros. [...]

[...] en lugares como Cataluña, polo menos, concédense permisos municipais para as rodaxes. O segredo da produtora galega para acadar as mellores tomas e escenarios é madrugar moito para escapar de todos os ollos indiscretos. (xa sabedes, para junar hai que madrugar)

Este Totó é, ademais de actor e director porno, estudante da USC (somos todos uns canchondos!). Atentos a este link: "Nos entró el calentón y decidimos hacerlo en la plaza del Obradoiro".

Imaxe das esceas que rodou Totó no Obradoiro.
Cando nos poñemos a algo, os galegos damos moita guerra. Aínda somos, a pesar dos desguaces, unha das maiores flotas pesqueiras do mundo. Afundíronnos como potencia leiteira, pero agora estamos loitando por un oco coas enerxías alternativas. Imaxina o que podemos facer se nos propoñemos facer do porno un sector estratéxico! Levamos séculos de entrenamento.

Non será sinxelo. Daremos a talla? Incluiranse shows eróticos en Luar? Poñerá a UE novas trabas á nosa expansión económica tamén nese sextor? Todo se verá. Non me estranaría que nos impuxeran unha nova cuota láctea...

4 de junho de 2009

Calor seco e outros chorreos

Se no anterior post recordaba a Charlie Brown, neste acórdome de Makinavaja. En concreto, dunha tira na que ía un calor infernal, e o Moromierda dicía (textual): "...e caquí el caló e mu humedo yen nel sajara e mucho ma seco y ma sano... Pasa como en madrí". Ao cal Makinavaja e Popeye replicaban: ya salió el jodío tópico.


E qué razón tiñan! Porque deses tópicos acórdaste cando estás a 40 grados pensando en suicidarte. Este pasado mércores tiven que ir a Madrid. Paseinas ben putas. Andar dez metros pola calle convértese nun suplicio. A esas temperaturas, convérteste nun animal con dúas preocupacións básicas: sombra e auga. Ou no seu defecto, aire acondicionado. Se ata fundamentos da vida como a comida ou o sexo deixan de apetecer cando un afoga coa calor! Inhumano.

Por iso, cando un madrileño (ou surroundings) aparece co conto ese de: "ej que aquí la calor no se aguanta... En Madrizzz con 20 grados máj ejtaj de puta madre, porque ej seco. No sudaj ni ná".
JA!

A ver, madrileñitos, se eu no fondo vos entendo. Se eu tivese que pasarme 5 meses do ano cun frío de carallo e outros 5 morrendo de calor. Se tivese que traballar baixo un sol de 45º día tras día. Se a praia máis próxima estivese a un día de distancia. Se vivise no puto medio dunha meseta desértica. Daquela o meu pobre cerebro tamén inventaría calquera tópico estúpido para negar esa terrible realidade. Porque a realidade é moi puñetera pero moi simple: tedes un clima de merda.

Eu, como amante da ciencia, entendo que a humidade incrementa a sensación de bochorno. Que os 30 grados do ecuador poden resultar moito máis abafantes que os 40 de moitas zonas do interior de Ejpaña. E seguro que 30 grados en Ribadeo fanche sudar máis que 30 en Zaragoza. Pero, sexamos serios, unha diferencia na humidade ambiental non compensa 10, 15 nin 20 grados de diferencia, nin o efecto termorregulador do mar. Iso si, excusa perfecta para quen está jodido.



Feijoo saiu o outro día en Buenafuente. Foi quen de dicir dúas cousas de Galicia: que está ao Oeste (si señor!) e que sempre chove. Claro, Don Alberto prefire joder un pouco o turismo porque sabe que así hai máis polvo (enténdase como se queira) para nós.

Eu, como non quero ser menos, remato cun consello: unha vez, todos os anos, facede unha escapada durante o verán a algún punto da España interior. Madrid, Soria, Zaragoza, Cáceres... Mesmo Ourense se estades lacazáns! É unha maneira cojonuda de deixar de queixarse e darse conta do de puta madre que estamos aquí. Iso si, non llo digades a ninguén ;)

1 de junho de 2009

Faga o que faga, síntome culpable

Algo así dicía Charlie Brown un día na praia cando conseguía botar unha pedriña ben lonxe cara o mar. Primeiro gabábase da distancia acadada, pero logo Linus recordáballe os miles de anos que tardara ese anaco de rocha en chegar á costa.


Hai máis ou menos un ano deume unha temporada por ir correr, nun intento tardío de operación bikini. Durou pouco. Nunha ocasión, debaixo da miña casa, freei en seco porque un can enorme estaba no medio do camiño. Un destes parecidos aos labradores pero de pernas moi longas. O becho enfiloume e botou a correr cara mín, gruñindo. Nin tempo me deu de cagarme enriba. Quedei de pedra e o cadelo se detivo como a dous metros. Dinme a volta e comecei a andar, pero botou a correr e enganchoume o pantalón coa boca... Mecaghindiola. Púxenme de novo mirando cara el e comecei a andar moi a modiño cara atrás. O pequeno Godzilla foi deixando cada vez máis distancia entremedias. O cabrón mirábame fixamente e eu igual a el. Loita de mamíferos. El gañou claramente.
En canto puiden agarrei unha pedra por se acaso, pero dinme alonxado o suficiente e voltei a casa co susto no corpo. Logo pensei que quizais puidese facerlle algo a outra persoa das moitas que co bo tempo van facer exercicio, ou aos nenos que van "de expedición" durante o verán. Chamei á policía local de Oleiros. Posiblemente, o traballo menos cualificado do planeta. Chegaron á casa, falei con eles e expliqueille onde estaba o can, pouco despois volta a sonar o timbre e resulta que voltaban ser eles...na porta de abaixo. Pensaban que era outra casa. Vamos, que entre o chukel e eles podía haber un duelo de cerebros.

Vale, tan grande non era, pero chegáballe...

Ao becho da anécdota xa o coñecía eu. Vivía nunha casa que está algo máis abaixo da miña, que tiña dous cans de guardia. Este escapouse. Os polis dixéronme que só podían mandar un aviso ao dono de que no caso de repetirse habería unha multa. Incriblemente, deixaron a ese pedazo de becho solto tan tranquilos.
Cando tiven tempo de pensar, arrepentinme do feito. O dono do animal é un vello cabronazo alcólico que ía de cando en vez, agora que lle retiraron o carnet por collelo reiteradamente conducindo borracho. Un animal da peor clase. Perfectamente capaz de atar ao can de malas maneiras, ou de moelo a paus se se vía obrigado a pagar calqueira multa pola súa "culpa". Unha das cousas que máis me fai ferver o sangue é o maltrato a un animal indefenso.

Días despois, fun correr moi atento pola mesma ruta. O can non estaba, nin fóra nin dentro da casa. Merda.


Os meus tiros pola culata como Capitán Planeta amateur non rematan ahí. Onte, domingo 31, viña eu do cine en Coruña. Por certo, fun ver Good, con Viggo Mortensen, que non me gustou especialmente. Chegando a casa, case atropello a un ourizo cacho. Estes pobres bechos morren a centos nas estradas. A mín gústanme moito dende que tivemos un na casa como "mascota" durante un tempo cando era cativo. Cousa que agora está prohibida, xa que é un animal protexido.
Esquivei ao ourizo, que quedou parado no medio da estrada. Nese plan vas durar pouco, pensei. Baixei do coche armado cunha bolsa de Zara e metino dentro, feito unha bola de púas (non foi tan sinxelo pero hai que abreviar...). Ao chegar a casa, ceibeino pola parte de abaixo, bastante lonxe da estrada e con monte abondo para andar de festa.


Como no caso anterior, sentía que cumprira o meu deber cívico ata que comecei a pensar, para variar. E se agora mesmo había unha camada de crías de ourizo esperando que o seu pai ou nai voltase coa comida?
Para quitarme ese peso de enriba, entrei na wikipedia para comprobar a época de cría do Erinaceus europaeus:

Reproducción

El período de reproducción empieza en abril y termina en agosto. Las hembras pueden tener varias camadas en ese tiempo...

Non hai que facerlle, son un puto bastardo.